Historia de Taboadela: A Romanización



Entre os séculos I ao IV despois de Cristo a invasión do Imperio Romano trastocou seriamente a orde e as claves económicas, artísticas, sociais e mesmo idiomáticas dos pobos castrexos que habitaban Galicia. A partir do ano 19 a.C. as tropas do emperador poñen fin a un longo episodio bélico (Décimo Xunio Bruto no 137 a.C.; Publio Craso no 94 a.C.;Parpenna no 71 a.C.; Xulio César no 61 a.C.) que remataría co nacemento dunha nova provincia romana: a Gallaecia. 

A Galicia romana convive con núcleos de resistencia castrexa, máis o denominador común desta etapa histórica pasa pola imposición do modelo de vida e de desenvolvemento socioecónómico latino:construcción dun viario que interconectaría as urben máis relevantes (as villae de Lugo, A Coruña, Braga. Astorga...); a definición dun novo urbanismo planificado e ordenado con base nunha orde xerárquica sustentada no modelo establecido polo poder das clases dirixentes; e explotación mineira; o intercambio desigual; a escravitude incondicional dos pobos sometidos,… 

En Taboadeia tamén é posible supoñer a pegada romana en torno ao viario que, posiblemente, atrevesou o actual concello en sentido Auriense (a Ourense da Gallaecia do Baixo Imperio Romano). Deste viario principal que comunicaba Brácara Augusta (Braga) con Lucus Augusta (Lugo) puido partir un vial secundario de carácter transversal que se estendería polo Val da Rabeda, articulando o territorio coñecido como Bracaraugustannus, un dos tres conventos nos que se dividía a Galicia romana. 

Os restos arqueolóxicos máis importantes e abundantes pertencen a época romana: restos dunha fábrica de tixolos en A Petada, restos de calzadas romanas nas parroquias de San Miguel de Taboadela e na de Santiago de Rabeda, xacementos romanos na Curseira (nas proximidades da aldea de A Pousa), O Cruceiro (próximo a aldea do Vilar), e Taboadela (nas aforas da capital do municipio). En Santiago da Rabeda, o investigador Rodríguez Colmenero, atopou tamén un ara fundacional romana (de 67 por 37 cm) dedicado aos lares viais (deuses protectores dos camiños) na que se pode ler: 

“LARIBUS VIAL” 

Outro achado arqueológico, debido ao invetigador Ferro Couselo, foi o que tivo lugar na parroquia de Taboadela, onde se deu con restos dun cemiterio datado en época paleocristiá no que tamén se atoparon tixolos e tégulas romanas. Deste campo santo extraeuse o sartego antropomorto medieval que se conserva no adro do templo, pegado á cabeceira da igrexa de San Miguel, unha peza que, sen ningún xénero de dúbidas, formou parte dunha necrópole datada no seguinte periodo histórico que merece a nosa atención: o Medievo.

Comentarios