Manuel Gallego Vila, o alcalde



Manuel Gallego Vila alcalde de Taboadela durante 47 anos non se presentará como candidato do Partido Popular ás próximas eleccións municipais tal como anunciu o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, a través das redes sociais. 

Hoxe, xusto o día que se celebrou un pleno ordinario na Casa Consistorial, saltou a noticia que, aínda que existían certos rumores, non deixou de sorprender tanto ao resto da corporación como a moitos veciños. Descoñecemos as razóns pola que Manuel Gallego Vila abandona a política, pero todo apunta as circunstancias persoais, aos anos de servizo e, como di o Jose Manuel Baltar, a deixar paso a un “proxecto ilusionante”. 

Supoño que nos próximos días saberemos as razóns e os motivos desta decisión,... i eso que algúns medios falan de intención de Manuel Gallego “de seguir”

Manuel Gallego Vila naceu na localidade de Amendo (Taboadela) en plena Guerra Civil, era o ano 1937. Nunha entrevista que lle fixo Jorge Casanova, para La Voz de Galicia, recoñecía que era bastante traste e que co paso do tempo seguiuno sendo. 

Era o ano 1967 cando entrou na Casa Consistorial como concelleiro, pasando a exercer como alcalde 5 anos despois, no ano 1972, nomeado polo Gobernador Civil 

Antes, traballou no País Vasco até os 22 anos cortando piñeiros, despois fabricando caixas de madeira e posteriormente como cooperativista de Fagor grazas á xenerosidade dun amigo que lle prestou 65.000 pesetas. Desa época, tal como recoñeceu nalgunha entrevista, conserva amigos da desaparecida ETA político militar 

Foi Eulogio Gómez Franqueira, e o proxecto que por aqueles anos estaban a comezar a camiñar, o que fixo que Manuel Galego regresase a Taboadela e montase unha granxa de pitos. Pouco despois foi cando, o Gobernador Civil, como era “o normal” naqueles tempos nomeouno concelleiro polo terzo sindical e posteriormente alcalde substituíndo a Fernando Fernandez Almuiña.

Coa chegada da democracia formou parte, primeiro, da UCD de Adolfo Suarez, posteriormente, de Coalición Galega, partido político de ideoloxía nacionalista de centro que se formou con membros da extinta UCD e onde acabarían dirixentes da talla de Eulogio Gomez Franqueira, persoa de referencia clara para o noso alcalde. Despois, e seguindo a outra persoa co que tivo e ten unha boa relación de amizade e de admiración, o expresidente da Deputación Jose Luís Baltar, pasou a formar parte de Centristas de Galicia para acabar no Partido Popular ao non poder negarse á oferta de Fraga Iribarne cando o chamou e recibiuno en San Caetano, en Santiago de Compostela. E todas as elección municipais Manuel Gallego obtivo maioria absoluta grazas ao respaldo evidente dos electores de Taboadela, independentemente do partido co que concurrese 



Quixo deixar a política no ano 2011, cando rematou o seu oitavo mandato, ofrecéndolle a posibilidade de liderar ao Partido Popular en Taboadela ao que era nese momento o seu tenente de alcalde, a Manuel Galego Cid. Pero este non aceptou e “non quedou máis opción” que seguir. E fíxoo para seguir como alcalde outros dous mandatos máis. O último, o que finaliza dentro de dous meses e que dará a testemuña a Toño Paz, o actual concelleiro de deportes. 

Sen dúbida, Manuel Galego estará unido, para ben e para mal, á historia do noso pobo. Todos os servizos e infraestruturas que temos son responsabilidade das súas decisións, da súa participación e do seu liderazgoo como tamén o son os problemas e carencias que temos. 

Para rematar quero recoñecer a súa dedicación durante todos estes anos como servidor do noso concello e desexo que goce do seu tempo libre e da a compañía dos seus. 
Dixo, na entrevista de La Voz de Galicia, que o máis importante para el é “vivir a vida, e se se pode, vivila ben” 

Pois que se cumpran os seus desexos 

O noso recoñecemento a Don Manuel Gallego Vila





Comentarios