Pepe do Covelo “O Neno”. O último regueifeiro oculto



Achégase o outono ao Val da Rabeda, as vides amosan o seu froito maduro, nuns casos dourado, neutros tinto; a garnacha, comeza a tintar as mans dos vendimadores. Tempo de figos, uvas e cogomelos. Pronto os ourizos botaran a risada e deixaran caer libremente o tan preciado froito...Achegámonos ao Covelo en busca do testemuño dun dos últimos homes que ten resposta a cada pregunta nosa; unhas veces rimada e outras non...depende se está o micrófono gravando ou a cámara acesa...un home apegado a esta terra dende neno...por veces móstrase reservado, outras rápido, agudo, simpático e falangueiro... é Pepe,...Pepe do Covelo, “o neno” unha especie de regueifeiro autóctono, que ten resposta para todo ... ou case todo... 

O tempo axuda e a visita ao Covelo é obrigada neste tempo. Por ver os pouquiños veciños que alí quedan é por ir aos figos que agora están no seu mellor momento. Sempre que chegamos a este lugar, recíbenos atento Antonio, gustoso de falar con nós e con quen xa nos paramos un cacho e nos pon ao corrente de onde anda cada quen e que angueiras andan metidos. É unha especie de alguacil, que nos informa rapidamente da situación; aproveita para contarnos algún conto e algún sucedido (como o das castañas do Ruca) ou das súas moitas viaxes por toda a provincia ourensá. Poucas persoas coñecerán tan ben a nosa xeografía provincial e todas as estradas que comunican as vilas, aldeas e lugares. Preguntámoslle polo Pepe e dinos que non debe andar moi lonxe e debe ser certo porque o seu burro Perico está nun lameiro a entrada da aldea. Pepe, “o neno” é un home inquedo, magro de carnes, semella moi lixeiro, áxil, agudo e de reaccións rápidas. Non debe parar moito tempo no mesmo sitio e ao longo do día vai varias veces do Covelo ao Pomar, do Pomar ao Covelo, ou onde cumpra, sexa Taboadela, Allariz, ou mesmo Ourense. 

Había pouco que estivera alí na bodega, pero cando miramos para o camiño xa o vemos vir do Pomar, co seu can, Manolo, por diante todo ledo, cara á casa. 

A característica máis peculiar de Pepe e que case ten resposta a todo cando lle dis; e esta resposta é rimada con respecto a túa última palabra citada. A resposta é inmediata e por veces parece que non a pensa, posto que lle sae de maneira automática; unhas veces atinada e aguda e outras non tanto, o que fai que non prosiga por sentirse un pouco avergonzado (xa se sabe... hai palabras que non se poden dicir, ou que non se deben usar a non ser que haxa moita confianza). 

Aínda que un pouco esquivo ao principio, accedeu a responder a algunhas preguntas nosas e a pesar de non andar moi ben de saúde e de ter moitas cousas que facer (hai que preparar a vendima....). Non poido falar moito tempo que despois, váiseme a vista...xa viñeron onda min unha señora e unha rapazas e díxenlles que xa non me acordaba...son os anos... 

Pepe de O Covelo co seu xesto propio do saúdo na cima do palleiro, hai casi 49 anos acompañado nestes traballos de Manuel Outeriño e Luis Cid. Pepe, “o neno,,” igual fai un palleiro, que un arado ou un carro...e se hai que poñer unha inxección...tamén a pon 


¿De quen aprendiches tantos ditos, Pepe? 

Eu aprendin da miña avoa Modesta, que era asturiana...que casara co Antonio Cristo...o avó, E despois vendeu o capital que tiña alá en Asturias e comprara aquí bastante capital… 

Ela dicía moitos contos, así seguidos,... 

Moitos, Eu recollín algúns pero moitos están perdidos. Olvídanseme 

¿Acordas algún que aprenderas de neno...? 

Poucos acordo porque xa hai moitos anos. Dérame ela un libro de neno e eu estudieinos e aprendinos e despois un día cabreeime e queimeino... 

¿Por qué? 

Porque a xente quería que llos dixera e todos eran a preguntar... Non quero falar a naide...acabouse. 

Ti fuches aquí á escola, a Taboadela...daquela habería moitos rapaces.... 

Estabamos... aí uns trinta e pico. Estaba ...Chamabámoslle o José dos Cordeles, un que era de aí do Mesón de Calvos e pegábanos moitos paos.. El e outro que lle chamabamos O perdiz. Aínda cando me acorda... Eu fun pouco tempo á escola. Había que ir ao monte e a traballar... 

Estampa típica dunha postal. Foi utilizada pola agrupación folclórica 
"Toxos e Xestas" de Barcelona para facer calendarios.


¿Sempre estiveches aquí no Covelo? 

Sempre. Nacín aquí no ano 31 e só fun ao Servizo á Coruña. Botei alí tres meses no campamento e nove máis no cuartel. 

¿Eses ditos que ti sabes...con que teñen que ver...teñen que ver con curas...? 

Estampa típica dunha postal. Foi utilizada pola agrupación folclórica Toxos e xestas de Barcelona para facer calendarios. 

Non...nada...de criadas, He, He...(Cambia de tema fálanos de que lle gusta debuxar e das súas peripecias coas fillas do comandante que tiña que acompañar ao colexio na Coruña; por certo algunha delas era tan mala que chegou a ameazalo de cortalle o pescozo) 

¿Cando alguén che dicía unha cousa ti sempre constestabas cun retrouso...iso sáeche así natural ou sabelos de memoria? 

Agora hai tempo que non o fago. Agora xa non teño memoria. Veu o outro día unha señora preguntarme e díxenlle que non me acordaba, que estaba pasado de idade...igual lle boto un carallo ou un “Dios” e iso non se pode...Antes estabamos aí no campo e dicía un unha chistada e eu dicíalle outra...pero agora xa non me acorda. Estou aí lendo un libro e ponme tolo de todo...de Relixión... 

¿Pero ti tamén es carpinteiro, fas carros...? 

E arados, e chancas ...o meu pai facía sete pares ao día...aínda teño a ferramenta por aí...veu o outro día un fulano para que lla vendese...non chavendo.... O carro... fixen un chedeiro...deille o carro ao Antonio...está aí, teno moi bonito...Agora teño que facer un arado para o burro... 

¿Ah...pero ti aras co burro? 

Si, forza ten moita, pero é que anda moi pouquiño. Mañá pola mañá vou arar con el aí embaixo ferrado e medio; que me pode levar? Media hora. 

¿Este burro vai e vén, é autónomo? 

Si anda por aquí, ceiboo e vai e vén á corte. Se estou eu por aquí xa vén onda min. É moi mansiño. Valeume centovintecinco mil pesetas. 

Agora están protexidos… 

Non os hai...O outro día veu un señor de Ourense, mercarmo. Díxenlle que non llo vendía aínda que me dese un millón de pesetas… 

¿Teslle algún nome…? 

Chámase Perico...Compreino en Maceda ó Argimiro, e díxome que lle chamase Perico ou Manolo...Cando hai fútbol vai escoltar alí como falan...e gústanlle moito as mozas de encarnado...o outro día viñeron tres rapaces e puxéronse os tres de a cabalo ...é moi mansiño, bueno porque estaba eu, ... a min ou o Antonio, e a Concha...co can tamén fai boas migas...pero a outros non os pode ver...as vacas non as quere... nin come toxo ningún… 

¿E ti acordas que houbese aquí fiadeiros ou algo diso? 

Antes si, oh. Aí en Souto había moitos, eu era rapaz e iamos os domingos para alá moitas veces. Xuntabámonos mozas e mozos...coa pandeireta e bailaban. Había xente que cantaba ben, e tocaba. Había un ai,que morreu, José, O Ferreiro, de Vilar. Ese tocaba a pandeireta e cantaba… mecagho na mar... 

¿Eran todas cancións galegas? 

Eran antigas, tocaban a jota e muiñeira coa pandeireta, coa lata, coas cunchas, coas culleres...ata con dúas botellas… taca, taca… algúns ata tocaban a harmónica…. 

E o acordeón... 

Tocábao o Elías, iamos á noitiña para onda el e tocaba….un tocaba con dúas botellas, outro as cunchas...Tesme que perdoar…eu digo as cousas e de alí a un pouco xa non sei o que dixen... 

O noso home ten traballo e cousas que facer, imos rematando a conversa... quedamos para seguir falando outro día mais de vagar. Recollemos os tarecos...e entón o noso home sóltase un pouco máis…Non hai cámara nin micrófono e o noso protagonista comeza a deixarnos algunhas pérolas para nos despedir… 

Déixame tomar nota... 

     Responde sen recelo 
     Que son neto do Cristo do Covelo 
     O que come pan acedo 
     Detrás do penedo. 

A propósito ti participarías no sorteo dos mozos e mozas que facían polo final de ano para poñer o día primeiro, alí onda o adro a entrada da Igrexa o primeiro de ano... 

Si claro, este ano no sorteo cadroume coa... 

  • Podemos casar… 
  • Non, dixo, eu estou escusada, porque non estou namorada... 
Non me toques na barriga que teño un dolor que me atormenta tócame un pouco máis abaixo na caixa da ferramenta que che hei dar pastillas de menta para que te poñas máis contenta. 

Punto final... 

Na Pascua e no Carnaval 

Si señor... 

Mala cara e bo humor… 

Outro día falamos con máis calma… 

Que é bo para o corpo e a alma… 

Amén. 



AUTOR DO TEXTO: Boletín nº 2 de difusión da Asociación Sociocultural VE-TA (10/2008)


Mozos e mozas bailaban animadamente nunha festa próxima. Ao fondo adivinase a presenza de José, O Ferreiro, tocando a pandeira; outros músicos (con garavato e camisa branca) acompañado subidos nun valado (Foto Cirolo)


José, O Ferreiro, no primeiro plano á esquerda tocando a pandeireta, acompañado doutros músicos (platillos e caixa) con motivo da visita duns familiares de Betanzos. O ferreiro era un home elegante e, seica, cantaba moi ben. (Foto Antonio Prieto)
















































































José, O Ferreiro, no primeiro plano á esquerda tocando a pandeireta, acompañado doutros músicos (platillos e caixa) con motivo da visita duns familiares de Betanzos. O ferreiro era un home elegante e, seica, cantaba moi ben. (Foto Antonio Prieto) 































































Mozos e mozas bailaban animadamente nunha festa próxima. Ao fondo adivinase a presenza de José, O Ferreiro, tocando a pandeira; outros músicos (con garavato e camisa branca) acompañado subidos nun valado (Foto Cirolo) 










Comentarios