¿Quén dixo que en Taboadela non había músicos?



A memoria dos mellores momentos da nosa vida queda gardada nun recuncho do noso cerebro. Aí estará como perdida, durante anos e anos; pero algo pasa un día... e acéndellenos, como se alguén dese a un interruptor da luz e os nosos recordos comezan a aparecer un tras outro lembrando aqueles momentos felices... sempre acompañados da musica. 

Fotografía publicada o 30/4/1930, da Xunta directiva dasociedade "Hijos del Ayuntamiento de Taboadela" asentada en La Habana e que formaban parte, xunto con otras sociedades, do Centro Galego

Iso debeu ser o que lles aconteceu aos nosos informantes cando comezamos a preguntarlles por aquelas xentes... moitos deles familiares, parentes ou amigos aos que escoitaron tocar e cantar tantas veces. Aqueles músicos que se transmitían a solfa duns a outros e que se xuntaban para ensaiar e dar rolda solta á arte e a sensibilidade que levaban dentro. Así soubemos -por eles- da existencia da Banda de Música de Santa Leocadia con máis de trinta músicos, moitos dos cales despois, traballarían en distintas orquestras e mesmo algúns farían carreira musical até no estranxeiro. Estamos a falar dun  momento en que en Taboadela había una certa inquietude cultural, mesmo nas xentes - moitas - que emigraron á Habana e alí constituíron sociedades como os denominada Hijos del Ayuntamiento de Taboadela. Nesta banda, formáronse familias enteiras de músicos dirixidas primeiro por Don Camilo Pérez, O Barrigas, primeiro director e fundador da Banda (o 2 de outubro de 1932), despois por Don Francisco Beristain e Don Julian Doallo, un home altruista que ensaiaba e dirixia a banda sen cobrar nada, ou Don Francisco Muela, na última etapa da banda (nos anos 50). 

A banda formouse no ano 1932. Nesta foto recoñecese a Antonio Quintairos, o bombardino, que despoís sería director da Banda Militar da Coruña, a Pepe Pardo, O Pepe de Ribo, que tocaba a trompeta e a Manuel Cid, elegantemente vestido con garrapata de lazo, que tocaba o clarinete.


A banda actuaría dentro e fóra da provincia e mesmo chegaría a conseguir un segundo premio no Certame de Bandas das Festas do Corpus de Ourense, nos seus anos de máximo esplendor, nos que chegaría a contar con 36 músicos, cun amplo repertorio de música clásica e cunha merecida fama de moi boa calidade do son dos seus músicos e de moito rigor pola súa aprendizaxe desde moi jovencitos. 

A partir da banda formaríanse familias enteiras de músicos que despois transmitirían o seu gusto pola música aos seus fillos e que nesta segunda xeración pasarían a ser verdadeiros artistas en diversas orquestras, mesmo de fóra de Galicia. Músicos como José Ramón Sierra, que chegaría a ser o xefe da afamada orquestra “Los Satélites” que aínda hoxe existe con grande tradición e recoñecida como a mellor de Galicia. Aínda que era de Soutopenedo, estaba vinculado a Santa Leocadia e ademais de tocar o clarinete, o violín, a batería, o saxo alto, a guitarra,... era compositor e traballou - tamén - en orquestras como a Colombia. 

Los Meigas con Manolo a batería e o guitarrista da dereita en Daniel Bouzo, 
que fora responsable da discoteca de COPE Ourense (non é de Taboadela)

O bombo da banda era Gumersindo Vila, o Bombeiro da Seara, quen educou as seus fillos Celso, Benigno e Manolo tamén no gusto pola música e chegaron a ser grandes músicos. Benigno tocaba o saxo alto e o clarinete e Manolo a batería. Ambos chegaron a tocar en Los Meigas e nunha importante orquesta daquela que era Los cinco del Miño e ambos morrerían nun tráxico accidente de tráfico, preto de Ponteareas, camiño de Vigo cando ían actuar naquelas terrazas do porto vigués. 

O saxo alto era Antonio Barandela Quintana, falecido neste 2008 que se levou a xente moi valiosa de Taboadela, e ao que se lle debe unha homenaxe de recoñecemento que esperamos proximamente poder facerlle. Antonio, O Rante, xa non é só que fose músico, senón que soubo transmitir o seu maxisterio aos demais, primeiro aos da súa propia familia, aos que contaxiou o seu gusto pola música e así sairon músicos o seu fillo Segismundo Barandela (acordeonista - foto de neto máis abaixo - e pianista en New York) o Carlos Barandela, primeiro bateria e despois se dedicaria ao mundo do espectáculo con representación musicais,... Pero O Rante, tamén transmitiu o seu maxisterio a outros músicos, cando formaban distintas orquestas e ensaiaban en Taboadela. Pocas suas mans pasaron o Odilo que fora carteiro en San Cibrao, o Pío da canteira, que tocaba o saxo, o Floriano de Outeiro de Laxe que era o clarinete, o Germán de Vacariza que tocaba o baixo, Pepe o da Catalina, o Daniel de Torán, clarinete e saxo alto, e que foi anos vive en Elgoibar,… 

Segundo o noso informante - Guillermo Fernández - era un verdadeiro pracer escoitalos ensaiar á beira da súa casa. Contan del Rante que tiña un tocar moi doce, e enganaba coa súa actuación. Traballaría tamén nas bandas de Alongos e Allariz e até hai pouco tempo, antes da súa morte, dirixía o Coro de Torán. 

Algo debe ter esa parte do concello para que saísen de aí tantos músicos e de tanta valía. Outro foi Don Manuel Cid, que ademais de tocar na banda de Santa Leocadia, chegou a tocar tamén en distintas orquestras, mesmo até cambiando o seu instrumento habitual (el clarinete e el saxo) polo baixo de cordas para adaptarse ás circunstancias que non lle permitían tocar xa instrumentos de vento (eran persoas que se sobrepuñan a calquera adversidade). Na orquestra Los Trobadores de Ourense, exerceu os seus últimos anos como músico.. 

O Rante e o Coro de Torán

Os trompetistas da banda de Santa Leocadia tamén eran da zona: Claudio Cid Cid, era de Ribo; como era aqueloutro que emigrou a Arxentina e que chamaban o Pepe de Ribo (Pepe Pardo). Este músico tiña a peculiaridade de que se lle inchaban moito os mofletes e o pescozo e isto facía que algunhas veces puidese fallar ao dar algunha nota; pero cando podía controlar este pequeno problema, era un auténtico trompetista. Tamén marchou a facer as Américas, Adolfo Sueiro Galego, do Barrio, que con só dez anos xa era clarinete na banda e mesmo recibira ofertas para marchar para a Banda da Coruña (de neno). Tocou na Banda Militar de Vigo e tamén en Pamplona. Despois emigrou; primeiro a Uruguai e en Montevideo ingresou como trompa na Orquestra Sinfónica de Montevideo. Posteriormente pasou a Venezuela tocando na Banda de Caracas. Morreu alá aos 71 anos.. 

Comenzos dos anos 30, a Banda da Mezquita está integrada, entre outros, por Genserico das Quintas (trombón de varas), Gumersindo Vila (bombo e platillos), Manuel Cid (o segundo clarinete da fila superior pola dereita) e Felisindo Camba (primeiro clarinete pola fila superior da direita) que despois seria alcalde de Taboadela 

O trombón tocábao o Genserico das Quintas, que estaba solteiro, e Valentin Alonso Martínez, da Lavandeira, tocaba o bombardino, ainda que o que lle deu mais sona foi o trombón de varas que tocaba con tal paixón que dicían del que era un can, no sentido de ser un músico de raza. 

En Soutomaior, Antonio Vide tocaba o fiscorno e a trompeta e non só tocou na banda senón que tamén tocou en orquestas como Los Arquinos. 

Manuel Prieto Losada, O coquis, que era de Pazo de Currás, ainda que casou no Abeledo, era o trompeta da banda, onde chegou a tal dominio do instrumento que percorreu o mundo enteiro como trompetista do circo e hai un ano, xubilouse como trompetista da banda de Vigo. 

Os irmans Quintairos, Tomás e Antonio, tocaban o clarinete e o saxo tenor. Antonio chegou a director da Banda de Lalín e tamén da Banda Militar da Coruña, como tenente. Tamén tocaba o clarinete, Floreano Sueiro, de que non temos moitos datos. 

Os irmáns Vaquero, Antonio e Manuel, dous músicos de total dedicación. De feito fixéronse profesionais e viviron da música. Antonio chegou a ser director da Banda de Salamanca e tiña casa en Béjar. Manolo tocaba na orquesta de Ana Quiro. 

Manolo, Herminio e Servando Boo, tocaron na Banda da Mezquita e de Santa Leocadia. Con Manolo tivemos a oportunidade de ter unha conversación moi agradable e aos seus 92 anos lembraba con perfecta lucidez todos os compoñentes da Banda e iso que había mais de cincuenta anos que deixara a música. A súa humildade facíalle repetir que el non fora un gran músico pero “que cobraba como os demais”. 

Orquesta "Los Trovadores de Orense". Entre outros, Moreiras, o trompeta; 
Manuel Cid, o baixo; Aser O Mantequeiro da Mezquita, batería, e Tito, o cantante

Felisindo Camba, de Palacio, tamén era dos que procedían da Banda da Mezquita, onde tocaba o clarinete justo xunto con Manuel Cid; Felisindo chegaría a ser alcalde de Taboadela e a ter unha tenda en Veredo; o seu cuñado - Ramón - foi temen xuiz de paz. 

Da semente desta banda de Santa Leocadia familias enteiras darían froitos musicáis; así José Iglesias Seara, O Che, que tocaba o saxo tenor trasmitiría a súa vocación nos seus fillos José (teclados e acordeón) e Alberto (batería) ou Jorge Iglesias Seara que tocaba a trompeta ao seu fillo Jorge Iglesias Losada (baixo e guitarra); os sobriños, José Eduardo (batería dos Arquinos) e Montse Iglesias (baixo) (fillos de Eduardo); ou aos fillos de Manolo. Roberto (trompeta), Juan (saxo) ou, aos seus netos, Lorena (clarinete da Banda de Barbadas) ou Jonhatan (trompeta). Os fillos de Bernardino: Bernard (teclados) e Maite (cantante): toda unha familia adicada a música 

En Taboadela, Claudio Fernández, O Cochea, tocaba o bombo e os pratillos. O bombo do Cochea era un bombo moi antigo e tensábase con cordas. Polo visto os pratillos eran de tal calidade que soaban tan ben que todo o mundo cobizábaos, pero O Cochea non os vendía a 

Ninguén. 

Outro músico de Taboadela foi Elias Fernández Babarro, que tocaba o clarinete. Mesmo había outros mais novos que tocaban o acordeón ou a trompeta, como José Martínez Nieto, O Músico. 

Case sempre se transmitían o saber dentro das familias, ou se non o saber, si o gusto pola música e a interpretación. 

Banda de música de Allariz. Os nosos veciños seguramente recoñecerán 
ao Pepe de Ribo, a Gumersindo Vila, a Manuel Cid e outros mais

¿Quén dixo que en Taboadela non había músisos? ¿Qué pasou en todo este tempo que se perdeu a tradición? 

Circunstancias moi variadas fixeron que toda aquela bagaxe cultural e musical fósese perdendo. A emigración ao País Vasco, as circunstancias sociopolíticas da postguerra, a falta de estímulos para as actividades culturais, a carencia de actividades e propostas que xuntasen as xentes para estas actividades levaron a que se fosen perdendo de maneira case irrecuperable. Até a mesma Igrexa - o bispo monseñor Temiño - recomenda que no toquen nos oficios as bandas, aínda que sexa gratis. 

As orquestras foron substituíndo ás bandas, os medios tecnolóxicos (as amplificaciones e os altofalantes) tamén contribuíron a que as orquestras puidesen substituír ás bandas nas festas. Cóntanos o Sarico das Quintas que os primeiros altofalantes que se usaron eran do Varela e foi en Montelongo (Soutopenedo) onde se usaron por primeira vez. Tamén relata a rivalidade que había entre as bandas e como nunha festa do San Vitoiro houbo os seus máis e os seus menos, porque algunha das bandas ocupaba o tempo da actuación da outra, con mala fe, para non deixalos tocar. 

¿Qué foi daqueles proxectos de fai uns vinte ou trinta anos que pretendían facer unha banda de música en Taboadela? Quizais se daquela tentásese coa forza suficiente e non fose só papel mollado, hoxe teriamos unha banda en Taboadela e a posibilidade de seguir transmitindo un legado musical que se perde sen remedio... 

Comentarios