Anos corenta... Penurias e malos tempos


Como recuperarse da sangría humana que supón unha guerra? Como poñer a andar un país que xa viña su-frindo as consecuencias do atraso económico e social do século anterior? As circunstancias posteriores á guerra van influír de xeito determinante no atraso das nosos xentes durante décadas. Se a escaseza de recursos lle temos que engadir, unhas circunstancias meteorolóxicas adversas, xeadas, inundacións, treboadas que levan as colleitas...xa temos pintado un panorama que resoltou desolador no primeiro lustro dos ano corenta... 

ANO 1941

A primeiros de febreiro de 1941, a xestora que se encargaba dos asuntos do concello estaba constituída por D. Felisindo Camba, D. Eliseo Borrajo, D. Manuel Vaquero, D. Lucindo Díaz Fidalgo e D. Manuel Menor Cid. Daquela consideraban que o tipo de xornal para os efectos de prórroga estaba moi baixo polo que acordan fixalo en 5 ptas con oitenta céntimos. En maio, logo do pedimento correspondente de un concelleiro para a Junta Provincial de Enseñanza, acordan propoñer a D. Antonio Borrajo Dacruz. 

No mes de maio, debido á caída da ponte de Figueiredo, o camiño da Venda do Río vese moi afectado e solicítase a súa reparación e a recunstrución da ponte. 

Durante os meses seguintes hai distintas denuncias por obras ou apropiación de terreos que serán resoltas posteriormente. A corporación da Merca insiste na necesidade da estrada da Zaínza a Xinzo (proxecto que xa viña de anos anteriores). Taboadela acórdase adherirse á petición. Por outra banda decídese un aumento de 1500 ptas ao secretario e 1000 ao médico... O gobernador esixe o pagamento da cota obreira dende 1931 a 1934, como deber inexcusable da corporación. O traballo que desenvolvían os funcionarios municipais debeu ser moito nestas datas posto que topamos estas argumentacións referidas ás horas extraordinarias que tiñan que facer: “No es un secreto para nadie y menos para los señores gestores, los muchos trabajos que en estas circunstancias viene imponiendo el Estado a los ayuntamientos y estas unidas a las propiamente municipales constituyen una labor abrumadora que solamente empleando horas extraordinarias pueden los referidos funcionarios llevar a feliz término la tarea que tienen encomendada”. As argumentacións deberon ser de peso, e convincentes posto que a xestora acordou outorgarlles unhas gratificacións substanciosas tanto ao secretario como ao auxiliar. 

No mes de xullo acórdase asegurar a escola da Rabeda por 5.000 ptas e certo mobiliario e material de oficina da secretaría (incluíndo a máquina de escribir—que debería ser a tecnoloxía máis avanzada daqueles anos– por 3.000 ptas. O seguro subscríbese coa compañía La Previsión Española. Por outra banda tamén, se acordou encargarlle a un carpinteiro unha mesa para o xulgado por 125 ptas e repoñer os cristais da escola da 

Rabeda por 25ptas. O cura e algúns veciños de Torán solicitan a construción dunha fonte e dun tanque para o gando e recordan que non hai auga potable. O asunto déixase pendente de estudo. 

En agosto convócanse as prazas de auxiliar de secretaría, recadador e depositario; estes últimos sairán a concurso en outubro. O presuposto que se aproba para o ano 42 ascende a 28.426 ptas. En decembro topamos integrando a Xunta Pericial D. Marcial Babarro Sueiro de Mingarabeiza, D. Manuel Vila Sueiro de Sta. Leocadia, D. Ricardo Loureiro Blanco de Veredo, D Benito Daquinta Prieto, D. Leopoldo Blanco Gayoso como médico e o veterinario D. José Barreira. Por outra ban- da a subhasta para os impostos relacionados coa venda do gando adxudicóuselle a D. Alejos Menor Cid. 

ANO 1942 

Distintos requirimentos van chegar a comezos do ano 42, un para adquirir a Obra Sindical del Hogar que é rexeitado por falta de presuposto e, outro, do delegado de Facenda sobre modificacións do presuposto, para consignar cantidades para oTribunal Tutelar de Menores e aumento do soldo do médico. Accédese ao solicitado. Daquela o padrón recoñecía 3.019 habitantes de dereito, aínda que de feito constaban 2.760. 

No mes de abril, D. José María Santás Vila solicita a autorización para legalizar o funcionamento da súa fábrica de aserrar madeira na Telleira. A xestora acorda darlle un informe favorable. 

En xullo, o estado da escola de S. Xurxo non debía ser moi saudable e a Inspección Educativa decide clausurar a escola. A xestora decide convocar un concurso para arrendar un local. A proposición que fai D. David Santos Quintairos xúlgase excesiva e decídese crear unha comisión para resolver o problema. Por outra banda, a “Editora Nacional del Estado y del Movimiento” da “Delegación Nacional de Prensa y Propaganda” presenta un contrato para a adquisición dos 115 volumes da “Biblioteca Nacional” por 1.000 ptas que se pagarían ao recibir á obra. A xestora, aínda recoñecendo a importancia da obra, ao non haber presuposto para a dita adquisición, acorda por unanimidade non acceder ao dito contrato. 

En setembro solicítase unha subvención de 200 ptas para arranxar unha fonte no fondo de Sta. Leocadia. Encárgaselle ao Tenente de alcalde, Eliseo Borrajo, que resolva o asunto. O presuposto para o ano 43 ascenderá a 36.621 ptas e a subhasta do gando adxudícaselle a D. Amadeo Cid Conde por 1.850 ptas. O concello declara un superávit de 7.676 ptas. 

ANO 1943

A comezos do ano 43 hai varios expedientes de ausencias de máis de 10 anos entre eles os da nai e avó de D. Gumersindo Martínez ou do irmán de Felisindo Prieto Daquinta (Celso). 

En abril o gobernador insiste en dous asuntos: un, as adquisicións para as bibliotecas municipais e dous, ordena a construción dun matadeiro municipal. Para o primeiro a resposta é que non hai cartos para o segundo, o silencio. En maio acórdase contratar un temporeiro de xullo a decembro xa que “a partir de dicho mes de julio empiezan a formularse las declaraciones de las cosechas con un sinfin de diligencias...y que si el personal de oficinas, secretaría y auxiliar tienen que trabajar horas extraordinarias...”. Proponse a D. José Fernández Sueiro, casado, maior de idade, veciño da Pousa, persoa que reúne as necesarias condicións de capacidade e competencia. 

O día 15 de xullo presenta a renuncia ao posto de auxiliar de secretaría D. David Santos Quintairos, por traslado a Pontevedra. A xestora acorda “Darle las gracias por el celo que ha demostrado en el desempeño de su cargo”. Noméase a D. José Blanco Menor, de Sta. Leocadia para substituílo. 

D. Ramón Cid Gallego e D. José Blanco Prieto, presentan un escrito reclamando a resolución do concurso de depositario e recadador. A xestora argumenta que non se celebraron as probas e polo tanto acorda nomear interinamente a D, José Blanco depositario e a D. Ramón Cid, recadador, posto que xa viña desempeñando interinamente. 

A Delegación de Facenda ordena que se faga unha ordenanza para a subasta do gando. Acórdase publicar un prego de condicións. A adxucación recae en D. Alejos Menor Cid, que presenta a mellor proposta, por 2.275 ptas. O presuposto para o ano 1944 ascenderá a 42.902 ptas. 




ANO 1944

No ano 1944, o superávit do concello ascendía a 12.488 ptas e o gobernador seguía insistindo nas súas circulares sobre as adquisicións das obras da editora Nacional e sobre o proxecto de construción do matadeiro. En marzo recíbese unha circular sobre a necesidade de poñer rótulos á entrada das aldeas. Rótulos que adquirirá a xestora municipal en novembro para Sta. Leocadia, Taboadela e Veredo por 228 ptas.

En abril son nomeados para o recoñecemento dos mozos D. Ramón Cid Gallego como tallador e Leopoldo Blanco Gayoso como médico; tamén se fan distintas rectificacións do padrón, autorizacións para obras dalgúns veciños e expedición de guías de sanidade do gando. O presuposto para o ano 45 ascenderá a 43.515 ptas. Noutra curiosa circular o gobernador da instrucións para que se lle devolvan ao Servizo de Meteoroloxía de Madrid os aparellos que bota a atmósfera e que caen por aquí.

ANO 1945


O ano 45 vai ser un ano convulso en moitos aspectos. Aínda que o Concello o inicia cun superávit de 24.223 ptas vai ter que facer fronte a moitos imprevistos. Aumentarán as asignacións ao médico por orde da Xefatura Provincial de Sanidade, tamén aumentarán os gastos por asistencia médica á Garda Civil, os gastos de medicamentos para os pobres d0 concello e a Delegación de Facenda devolverá os presupostos para que se emenden e se corrixan certos erros. En abril autorízase a D. Antonio Gómez Masid asesor do Colexio Oficial de Secretarios para que cobre do Banco de España os intereses da Lámina de Propios.

En xuño un grupo de veciños de Taboadela presenta queixas sobre a prohibición do aproveitamento da auga da fonte do carreiro por parte doutro veciño, xa que foi utilizada como fonte pública dende tempo inmemorial. Este asunto resolverase no mes de xullo, acordando a xestora que os veciños deben entrar pola eira que limita co camiño do Pazo, pasando polo patio de D. José Vila. Por outra banda as reinvindicacións salariais do persoal do concello seguen estando presentes “los sueldos no responden ni con mucho a las necesidades de subsistencia de las familias dada la carestía de la vida cada vez más elevada ni al intenso trabajo que tienen que desarrollar en todos los conceptos para el cual no le son suficientes las horas ordinarias, viéndose obligados a trabajar horas extraordinarias.” A xestora persuadida dos argumentos decide, subirlle os soldos ao secretario, o auxiliar e o alguacil-porteiro e recoñecerlle ao secretario D. Antonio Menor Quintas os quinquenios correspondentes para a súa xubilación.

Os estragos do mal tempo...

A mediados do mes de xullo, unha tormenta enorme, producirá uns efectos devastadores en medio concello. As localidades máis afectadas serán S. Xurxo, Soutomaior e Ribo. A auga arrastrará a pontella do río do Merino, “As Cuartas” e a da Lama do Río. Haberá inundacións en Ribo e perderánse todas as colleitas de patacas e viño. En Soutomaior, ademais, a metade da colleita de millo. Consitúese unha comisión integrada polo alcalde o tenente de alcalde e mais o secretario para ir visitar ó gobernador e expoñerlle o problema. Hai que reconstruír as pontes en Ribo, A Covela, en Soutomaior...As Cuarta, na Lama do Río e n o río do Muíño en S. Xurxo.

Encárgaselle ao tenente de alcalde, Eliseo Borrajo Fernández, que faga as obras por administración e habilitase un crédito de 1.900 ptas para que contrate os canteiros para realizaren as obras.

Daquela, seguía habendo as homenaxes ao Xefe do Estado; así chega ao concello unha iniciativa do alcalde de Ourense para “elevar al Jefe del Estado la expresión del reconocimiento de las corporaciones locales por la protección que viene prestando a la Lei de Bases de Régimen Local”. No concello acórdase adherirse con entusiasmo, participando cun álbum asinado en homenaxe de gratitude.

Por outra banda D. Bernardino Saburido Menor, de Sta. Leocadia, reclama as 262,50 ptas que lle corresponden pola diferencia do prezo acordado polo alugueiro da escola nos anos 42, 43 e 44. Reclamación que é atendida. Tamén se acorda axudar aos veciños de Outeiro na construción da beirarrúa con 50 ptas e encargarlle a D.Virgilio López, delineante da Deputación Provincial a elaboración dun plano detallado do concello, xa que son moitos os organismos que están a pedir datos do concello e non se dispón deles.

Algúns veciños tamén dan conta do mal estado da fonte “Lamela” en S. Xurxo, que posteriormente será subvencionada con 200 ptas para o seu arranxo. De novo o tema da estrada que vai pola Merca volve ao candeleiro de actualidade para lle dar algo máis de pulo e distintas obras dos veciños aínda que o que mais marcou este ano foron por un lado as xeadas e polo outro as inundacións. Xa a saúde, non era moita... e as desgrazas viñeron do ceo...


FONTE Veta Taboadela 

Comentarios