Aqueles anos trinta de triste memoria...




Os anos trinta e, particularmente a partir do ano 1936, supuxeron para todo o país un forte choque nas vidas da poboación en xeral e dos mozos en particular. O cruento enfrontamento entre irmáns, marcou a pauta do devir de moitas xentes e unha longa noite de pedra, virá despois destes anos nos que a xenreira o odio prevaleceron sobre a razón e a cordura

Poucos datos quedaron en Taboadela daqueles anos difíciles e as máis das persoas quixeron enterralos nun lugar inaccesible para que nunca máis se volvesen a repetir. Algúns silenciáronse pola forza e outros por vontade propia. Durante moitos anos ese tema (o da guerra) non se podía tocar e moita xente prefería non abrir a boca, por se acaso...

Vicente Prieto Bolaño, alcalde en 1936, coa súa esposa 

Genoveva e outros membros da súa familia


Con todo, é de xustiza lembrar aquelas persoas que se silenciaron, e outros membros da súa familia xentes comprometidas que estaban a facer un labor público e lexitimamente constituído, contra o que se ergueu a forza das armas. Xentes das que non se soubo máis... algúns depurados, outros paseados, outros desposuídos dos seus cargos, profesións ou bens... 

No concello de Taboadela, consérvanse algúns documentos dos que tiramos a información que agora ofrecemos e que pode ser valiosa para honrar a memoria das persoas que dedicaron parte da súa vida ao servizo público e, en particular, dos seus veciños. 

Aló por marzo de 1936 constituían a corporación municipal D. Vicente Prieto Bolaño (alcalde) , D. Orentino Menor Fernández, D. José Conde Cid, D. Bienvendo Boo Abadía, D. Felix Vide, D. Arsenio Seara, D. Felisindo Salgado, D. Gerardo Menor Currás, D. Generoso Menor Conde e D. Rogelio Vispo Novoa (concelleiros). Alcaldes de barrio eran en Taboadela D. José Martínez Prieto, na Rabeda D. Ricardo Gallego López, en S. Xurxo D. Salvador Daquinta Vila, en Soutomaior D. Antonio Fernández Menor e en Torán, D. Amadeo Cid. 



Hai constancia das propostas e dos traballos desta corporación ata o mes de xullo, no que como é sabido, se produce o alzamento nacional e a corporación queda destituída. Unicamente figura nas actas unha dilixencia do secretario para facer constar o dito cesamento: 

“Se hace constar por la presente que en virtud de la orden del Excmo. 
Sr Gobernador Militar en este día queda destituída la corporación 
de nombramiento gubernativo del “Funesto Frente Popular” que 
venía funcionando en este ayuntamiento y encargado deste el 
secretario-delegado que subscribe”. 

Neste escaso período de tres meses a corporación acordara reunirse en pleno cada quince días (dúas sesións ao mes –os domingos-), constituír comisións de facenda, policía urbana e rural, instrución pública e beneficencia e sanidade. 

O día 22 de marzo de 1936, atendendo as queixas dos veciños, acordan requirirlle ao médico D. Leopoldo Blanco, o cumprimento das súas obrigas de permanencia no seu posto de traballo. 

O día 29 aproban a construción dunha fonte e un tanque na Venda do Río; solicitar o remate da estrada que ía do alto do Cumial á Gudiña, para tentar paliar o paro obreiro que había no concello e denunciar o parón nas obras de construción do ferrocarril que doutro xeito axudarían – tamén- a superar a miseria dos fogares. Acordan tamén adquirir exemplares da Lei local e nomear a D. José Conde vogal na Xunta Electoral. 

Na sesión do 5 de abril presupóstase a obra da fonte e tanque na Venda do Río en 300 ptas. das cales o concello achega 150 e os veciños as outras 150. Por outra banda tamén se denuncian as malas condicións da fonte de Torán para o cal se acorda facer unha captación do Regato do Areal e subvencionala con 40 ptas. Acórdase, tamén, facer unha beirrúa no camiño de S. Xurxo á Petada. 

O día 12 acórdase facer un ditame para outra beirarrúa (peado) en Vilar. 

O día 5 de maio de novo hai queixas dos veciños sobre o médico. As queixas trasládanse á Xunta de Mancomunidade. O párroco de Torán D. Manuel Mateos comunica a súa baixa no padrón, por marchar vivir á Allariz. Ante a carencia de auga potable en moitas aldeas iníciase un proxecto para resolver o problema, emprender as obras e atallar o paro que hai no concello. Encárgaselle a responsabilidade ao Sr. Vispo e noméanse a dous mestres canteiros de Sta. Leocadia D. Amadeo Cid Conde e D. Antonio Cortizo Lage para redactar os proxectos (posteriormente declinarán esta responsabilidade por considerar que non estaban preparados para redactar os ditos proxectos). Pídese unha subvención ao Ministerio de Traballo. 

Na sesión do día 17 de maio dáse conta dun escrito de queixa dos veciños do Pumar, Vilar e Xociños por unha apropiación do comunal. A corporación acorda proceder en todos os casos. Tamén se dá conta da solicitude dunha escola para o Pumar, Xociños, Vilar e O Covelo, desdobrando as dúas que hai en Taboadela ou creando unha nova. Aínda que a solicitude de escola nova será atendida polo Consello Local de Primeira Ensinanza, no concello xúlgase máis racional facer dúas mixtas, unha que acollera Taboadela, O Castro e Mingaraveiza, e outra Vilar, Covelo e Xociños. Tamén se acorda subvencionar con 50 ptas a obra en Vilar. 

Na primeira sesión do mes de xuño, que se fixo o día 2, a Corporación acorda deixar en suspenso o acordo da sesión anterior sobre o “Campo de Xociños”. Polo que consta nas actas, parece ser que houbo certos problemas coas citacións de dous concelleiros por parte do alguacil D. Pío Fernández, e decídese suspendelo de emprego e soldo e substituílo accidentalmente por D. Benito Menor Quintas. Este asunto dará lugar a distintos recursos e apelacións que ao final derivará con outros nun proceso contencioso que levarán a cabo xestoras posteriores. 

Por aqueles tempos parece ser que tamén eran relativamente frecuentes expedientes de prófugos. Déronse con antelación á guerra e daranse moito máis nos propios anos da guerra e posteriores. Normalmente, o que se facía na corporación era declarar prófugo ao mozo que se tratase e facer constar que foi sen complicidades para que non houbese represalias. 

A última reunión da que hai constancia desta corporación foi o 5 de xullo de 1936; entre outros asuntos acordarase aprobar o padrón, continuar co expediente ao algualcil nomeando instrutor a D. Verísimo Salgado e rexistrar unha protesta de D. Bienvenido Boo por unha comisión pagada ao secretario para acompañar ao alcalde a Ourense, chamado polo gobernador. (Acórdase pagar cinco pesetas por estas comisións). 

Durante todo o ano 1937 só se acordarán asuntos de trámite: o reparto de vogais na xunta de avaliación para o pagamento da contribución, a adxudicación da subhasta, a liquidación da conta do ano 36, a distribución de fondos ou a licenza dalgunha obra como pode ser a e D. Saturnino Conde ou da D. Genaro Vázquez. 

No ano 1938 fanse algúns reparos ao orzamento para incluír 100 ptas. para soster escolas profesionais ou quitarlle os quinquenios recoñecidos ao médico. Na xunta de avaliación para o repartimento de utilidades (impostos) dáse unha curiosidade: consta o marqués de Leis e á súa beira forastero. Normalmente figuraban os que tiñan máis propiedades rústicas e urbanas nas distintas parroquias. O día dous de febreiro acórdase solicitar autorización para que se poida facer a feira de Sta. Leocadia aínda que cadre en domingo, por non supoñer ningún prexuízo para o comercio local. Neste mesmo mes dáse conta dun escrito do alcalde de Allariz solicitando un donativo para as “poblaciones liberadas”. Acórdase adxudicar 50 ptas. e facer unha subscrición de donativos entre os veciños co fin de que o dito donativo resulte o “más lucido posible”. Este “donativo” chegará a cantidade de 426,25 ptas. 

Por outra banda, acórdase repartir 600 follas para o padrón de cédulas e aconsellar ás persoas que non saiban enchelas que acudan aos señores mestres para que llelas cubran. O delegado de facenda insta ao concello a que cumpra as resolucións relativas ao alguacil D. Pío Fernández, a Dna. María Menor Quintas e D. Joaquin Fernández, que era o depositario. A xestora do concello decide ir ao contencioso contra a dita resolución do delegado. No mes de abril acórdase levar a cabo os procesos de vacinación e revacinación e dar conta do escrito do gobernador para a depuración de funcionarios municipais. Neste caso acórdase “no instruir expediente ninguno por no existir indicio que lo aconseje ya que todos han demostrado en todo momento su incondicional adhesión a la causa nacional.” 

A represión continuaba e a terminoloxía empregada cada vez delataba máis a utilización partidaria das institucións...como se pode ver nas actas dos meses seguintes... figurará no encabezamento Año de la Victoria. 

Un proxecto de obra pública intentaríase levar a cabo a partir de maio de 1939. Sería unha estrada que partindo da Zaínza comunícase os concellos de Taboadela, A Merca, A Bola e Rairiz de Veiga para enlazar coa estrada de Xinzo a Celanova. Aproximadamente 30 Km. No concello comunicaría os núcleos de Pasadán, Sta Leocadia, Outeiriño, A Pousa, San Xurxo, Santás e a Lavandeira. Por outra banda as comisións por viaxes a Ourense continúan, curiosamente, unha para entregar crins de cabalo no Goberno Militar. Os subsidios aos combatentes, tamén. 

En xullo os escritos do gobernador instan a instalar unha báscula para pesar o gando e promóvense certos beneficios para a construción de vivendas. Nos meses posteriores consignaranse distintas prórrogas para que mozos do concello non acudan ao servizo militar. Algúns deles Terán despois certas responsabilidades na vida municipal. Por outro lado, decláranse algúns en “desconocido paradero”; non só o mozo, senón tamén a nai e o avó. D. Antonio Borrajo, mestre na Zaínza, solicita a indemnización por casa vivenda ao ser mobilizado. A xestora acorda concederlle 175 ( non as 300 que reclamaba). Os temas económicos centrarán os asuntos do final deste ano. A suba de 500 ptas. do soldo do secretario para o ano 1940, como unha cousa excepcional... e distintos pagamentos por comisións por asistir á presentación dos mozos na Xunta de Clasificación, os gastos do local de propaganda, ou as comisións ao xefe local de subsidio ao combatente. 

O inicio do ano 1940, tamén presenta certas curiosidades. Así o dous de xaneiro non se celebrou a sesión prevista por estar a xestora no alista- mento ordenado polo Ministerio do Exército. Adxudicarase a subhasta a D. Manuel Vila Sueiro, pola cantidade de 2005,25 ptas. e noméase a D. Lisardo Quintana como vogal da Xunta Municipal de Primeira Ensinanza. O gobernador civil envía unha circular aos concellos pola que se recomendaba cordura ao fixar os soldos dos funcionarios municipais (queda enteirada a xestora). A seguir publícase o cadro do persoal do concello entre os que estaban o secretario, o médico, o inspector de hixiene primaria, persoal administrativo, depositario, recadador e alguacil-porteiro (bastante máis do que hai hoxe, por certo). Por outra banda, chama a atención tamén a publicación dunha moratoria fiscal e acórdase publicarbandos para general concocimiento de la generosidad del Caudillo. Cómpre lembrar que estamos nuns anos de moita miseria e penuria económica – non en van o ano seguinte será denominado o ano da fame e as cartillas de racionamento entrarán pronto en vigor-. Malia esta moratoria hai expedientes por insolvencia e requíreselle ao recadador que cobre os impostos falli- dos, utilizando a vía executiva se for necesario. O cálculo de insolventes supón 4.584 ptas. da época. Autorízanse obras a D. José Ramón Iglesias García en Outeiriño e a D. Antonio Santás Vila en Sta. Leocadia. Á sesión do 16 de abril non acode D. Antonio Blanco por estar citado para tomar posesión dun cargo na Xefatura Provincial da Falanxe. Posteriormente renunciará ao cargo de xestor. O día 29 morre o depositario D. Joaquín Fernández Vila e a xestora acorda nomear provisionalmente a D. Pío Fernández Outeiriño por ser “persona de confianza da la gestora, solvente y de gran honradez”. 

No mes de maio dáse conta dunha circular do alcalde de Allariz para contribuír a regalarlle unha bandeira ao Rexemento de Infantería 52; acórdase achegar 25 pesetas e cargala no capítulo de imprevistos. Por outra banda dende Ourense organízase unha peregrinación ao Pilar de Zaragoza e dado que é de grande interese, todos os concellos han de mandar unha representación o máis numerosa posible. Achéganse catro tarxetas con catro billetes de ferrocarril. Por Taboadela acoden catro do Comité Local; o concello ha pagar 500 ptas. para sufragar os gastos da Peregrinación. 

En xuño recíbese un acordo da Audiencia para trasladar o xulgado da Zaínza a Taboadela. 

Acórdase abrir un concurso para ofrecer local e débese resolver en cinco días. Comezan a darse as primeiras instrucións para a implantación das cartillas de racionamento. 

D. Saturnino Camba David, renuncia ao cargo de recadador por razón de idade e noméase, de momento, ao axente executivo, D. Ramón Cid Gallego. Seguen dándose prórrogas de primeira clase e D. Juan Cid Salgado, das Quintas, solicita autorización para reparar 
un balcón. 

No mes de setembro apróbase o presuposto, ascende a 26 246 ptas ( cun aumento de 2. 664. ptas) Por abril déranse as contas e había un superávit de 8.540 ptas. Dá a impresión de que os “xestores” non actuaban con moita dilixencia. Recíbese unha circular da Confederación de Casas Regionales de España en Madrid con motivo dunha homenaxe que se lle vai render ao Caudillo o día 24. A xestora acorda adherirse á homenaxe, pero non inscribirse na dita confederación nin enviar a ninguén para falta de recursos. Dáse conta da última circular do gobernador civil sobre presentación de alcaldes ante as autoridades e sobre o pagamento de haberes aos cabaleiros mutilados. 

En outubro D. Felisindo Varela, da Reguenga, solicita permiso para rectificar a súa casa e recíbese unha axuda do Estado para a captación de Auga. 

Na sesión extraordinaria do 24 de noviembre entrará una nova xestora: será alcalde, D. Felisindo Camba Borrajo, D. Eliseo Borrajo Fernández, primero tenente de alcalde e D. Antonio Borrajo Dacruz, segundo tenente de alcalde; síndico será D. Luciano Díaz Fidalgo; D. Manuel Vaquero Fernández e D. Manuel Menor Cid, serán xestores. Organízanse en tres comisións: unha de Facenda, outra de Policía Urbana e outra de Instrución Pùblica e entre as primeira decisións que toman están as seguintes: aprobar os presuposto para o ano 1941 que ascendeu a 27.419,40 ptas. e poñelo a exposición pública; contratar o servizo de recadación e adxudicar a subhasta... que de novo recaerá sobre D. Manuel Vila Sueiro, nesta ocasión por valor de 1.801 ptas. Acordan tamén nomear alcaldes de Barrio as seguintes señores: en Taboadela a D. Adolfo Menor Gallego, na Rabeda a D. Clamades Sobrino Babarro, en S. Xurxo D. Emilio Vila Sueiro, en Soutomaior D. Albino Castro López e en Torán D. Severino Novoa Seara 

A Posguerra

A década dos corenta traerá moita miseria. Familias con moitos fillos e moitas dificultades para lles dar de comer. Rapaces con doce ou trece anos que irán a Castela facer as seituras, para gañar un pan amargo con moita suor e moitas penurias. Mulleres que, aínda sendo nenas, inician a súa vida como traballadoras, servindo nas casas dos máis ricos, ou emigrando. Ningunha guerra trae melloras; pero a nosa “incivil” guerra trouxo a moitos fogares anguria fame e medo.


Fonte: Boletin VETA Nº 5 

Comentarios