Alvaro Vila no seu primeiro ano como alcalde de Taboadela



“Os donos do concello son os veciños/as e a eles nos debemos. En busca de esa accesibilidade, a porta do Alcalde nunca está pechada”. 


Alvaro Vila Araujo cumpre hoxe, día 15 de xuño, o seu primeiro ano á fronte da alcaldía de Taboadela. Atrás queda un ano de ilusións, de cambio despois de décadas de goberno do popular Manuel Gallego e tamén de dificultades á que se suma as derivadas do actual estado de alarma pola pandemia do Covid19 

Fonte: Faro de Vigo

1. Antes de nada queríamos saber como afectou a crise do Covid-19 ao Concello de Taboadela e aos seus veciños? 

Dende o punto de vista sanitario, houbo varios positivos, aínda que só un grave. Neste caso, felizmente superou a enfermidade despois dun longo período de tempo e recentemente voltou para a casa. Dende o punto de vista social e económico a incidencia foi desigual, sendo os autónomos os mais prexudicados e tamén os afectados directamente por ERTES. Sendo un pobo eminentemente rural, o confinamento se levou de mellor maneira que nas capitais de provincia. 

2. Á marxe da pandemia, que balance fai do ano que concluíu? 

Si hai unha palabra que describa este ano, esta foi “CAMBIO” 

Cambio na vida persoal e o que supón adicarlle unha gran parte do teu tempo a xestionar o concello, a dirixir un equipo e administrar tanto o capital humano como patrimonial de todos os veciños. 

Cambio, pois despois de mais de 40 anos, o concello o xestionaba un equipo distinto, con ideas distintas e renovadas. En definitiva un proxecto distinto e para iso é necesario a complicidade dos propios traballadores do concello. Xubilouse a secretaria logo de 22 anos, asumimos o cambio de arquitecto (figura esencial no desenrolo urbanístico). En busca da accesibilidade cambiamos as oficinas para a planta de abaixo e os luns (día 8 de xuño) abrimos pola tarde, modernizamos a xestión de firmas para que os veciños non teñan que esperar por certificados. En definitiva, estamos a cumprir unha máxima que lle trasladei os empregados do concello o primeiro día. Os donos do concello son os veciños/as e a eles nos debemos. En busca de esa accesibilidade, a porta do Alcalde nunca está pechada. 

3. Que destacaría como o máis positivo do ano? 

O poder implementar aquelas ideas polas que loitamos estes anos na oposición. 

Poñer as bases para ter un centro cultural que nos permita desenrolar unha actividade socio-artística o longo do ano, ca adquisición da reitoral de Taboadela. 

A adquisición da casa do Campo para destinala a casa de oficios e centro veciñal para Taboadela. 

Os distintos proxectos de aforro enerxético presentados no IDAE en busca dun concello cada vez mais sostible. 

E, sobre todo, a gran resposta en forma de traballo dos membros do grupo de goberno. 

Dificilmente se pode encontrar un mellor equipo e un mellor ambiente de traballo. 

4. Que cuestións habería que mellorar en Taboadela e que plans está previsto implementar? 

Este ano foi de rediseño dos equipos humanos e materiais do concello. Non por elo se deixou de traballar a reo no trámite de subvencións, de poñer o día o gran atraso urbanístico (había expedientes que esmorecían case esquecidos durante anos), de levar a cabo un control económico da xestión….. En definitiva, modernizar todas os aspectos da xestión administrativa municipal. Queda pendente, a apertura da biblioteca no local enriba do centro de saúde. O proceso selectivo da persoa que vai xestionar está feito e a súa incorporación se viu truncada pola pandemia. O 1 de setembro, confíamos proceder a súa apertura. 

5. Cal foi o mellor logro conseguido neste ano que pasou? 

Penso que vista a reacción de todos os veciños, sen dúbida a compra da reitoral de Taboadela para futura casa de cultura. 

Reitoral de Taboadela


6. Hai algún gran proxecto que se porá en marcha en breve ou todo sufrido un envorco por mor da pandemia? 

Hai dous proxectos confirmados. A humanización do pobo de Pazos e a instalación de enerxía solar na depuradora do Amendo que nos permita alixeirar esa rémora que supón pagar case 900 euros de luz o mes. Creemos que en breve se confirmará o obradoiro que nos permitirá acometer a reforma do parque de Lama de Prado onde 7 desempregados poderán traballar durante 9 meses. 

Por culpa da pandemia, a consellería de Turismo cancelou o programa de axudas do Xacobeo e por tanto o proxecto de humanización do pobo de O Castro se caeu. Tamén, este recorte fixo que o proxecto de rehabilitar a antiga escola de Lama de Prado non teña lugar. De momento, non temos constancia de mais cancelacións, aínda que nos tememos que haberá mais. 

7. Durante este ano chegouse a un acordo coa Diocese e a Deputación Provincial para a adquisición da Reitoral de Taboadela, en que punto atópase?. E no resto dos investimentos previstos: adquisición de inmobles, recuperación e humanización de poboacións como Abeledo, Santa Leocadia, etc? 

A casa está mercada e rexistrada. Tíñamos conversas ca Deputación de Ourense e estábamos a espera que nos deran cita na Consellería de Cultura. Esta se viu truncada pola convocatoria das eleccións galegas. Ata que remate o proceso electoral, non poderemos retomar o tema. A humanización de O Castro, como dixemos anteriormente non terá lugar e a de Pazos está concedida e se está redactando o proxecto. Calculamos que para o terceiro trimestre do ano, den comezo as obras. O proxecto de Abeleo estamos a espera da resolución da Consellería. 

8. En que fase se atopa Taboadela no relativo ás medidas a adoptar como consecuencia da adhesión ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía? 

Estamos no inicio dun longo percorrido. Fixemos pequenas medidas, como foi mellorar a recollida do lixo e enseres, poñer 5 colectores para recoller o aceite usado (en breve se porá outro, demandado polos veciños, en Pereiras) e se tramitaron as grandes medidas. 

Una de elas, xa concedida como é o alimentar con enerxía solar a depuradora do Amendo e outras solicitadas como son o aforro enerxético con luminarias led no polideportivo e en toda a rede pública de alumeado (300.000 euros de inversión total das cales o concello achegaría 60.000). 

Tamén estamos a espera, (longa espera) que se concrete un convenio ca Confederación Hidrográfica para acometer o saneamento en 5 puntos deficitarios da nosa rede. 

9. Desde o Concello púxose en marcha un portal onde calquera propietario pode anunciar as súas vivendas, terreos, etc. para a súa venda e/ou aluguer e desta maneira facilitar o asentamento de nova poboación. Que outras medidas hai ou teñen previsto realizar para lograr este fin? 

Unha medida moi recente da que aínda falta por ver o seu percorrido. Teremos que ser proactivos na procura de moitos inmobles idóneos para este fin e que os propietarios son remisos a por no mercado, unhas veces por desinterese, outra por cuestión burocráticas. 

Tamén estamos “interesando” a posibles promotores para a construción de obra nova. De momento hai unha promoción de dúas vivendas confirmadas e outra de 3 con visos de realidade. 

10. ¿Cales son os plans a nivel cultural e deportivo do actual goberno? 

A nivel cultural, sen apenas tomar posesión dos nosos cargos fomos quen de organizar unha pequena semana cultural. Semana na que estábamos traballando para repetir e que está a espera de cómo se desenrola a pandemia, aínda que a intención é de levala a cabo. 

A falta do gran proxecto da casa da cultura (a mais longo prazo) íamos dar un impulso forte ao día de San Xoan e ao monte que leva o seu nome. Non poderemos levar a cabo a idea inicial pero intentaremos facer algo sinxelo, pero bonito. 

Apertura e dinamización da biblioteca, así como un percorrido cultural entorno ao camiño están na axenda do grupo de goberno. Esta semana empezaremos a recuperación e posta en valor do noso extenso patrimonio etnográfico. Pasiño a pasiño, queremos apostar por recuperar esas signas de identidade da nosa cultura. Hai outros “proxectos” nos que estamos traballando, pero o seu desvelo levaría o traste a posibilidade de levalas a cabo. E por suposto, non nos esquecemos da torre de Torán . 

11. Como valora o acordo de goberno entre os Socialistas de Taboadela e Ciudadanos Taboadela? 

O mellor que se pode decir e que dende o primeiro día non foi un acordo entre dous partidos, senón que se conformou un goberno de 5 membros a traballar nun único sentido. Dificilmente se podería conseguir mellor sintonía. 

12. Como valora a relación coa oposición do Partido Popular de Taboadela e VETA? 

Despois dunhas eleccións municipais, os grupos políticos teñen que facer a súa lectura dos resultados electorais e redeseñar a súa situación no novo taboleiro político. 

O traballo dos grupos da oposición é a de fiscalizar ao grupo de goberno e como tal o están a facer. Tamén se pide contribuír con ideas , mocións e mellorar o traballo deste. Mais alá de tensións puntuais e propias do debate político, a relación é positiva con ambos grupos políticos. 

Foto: La Voz de Galicia


13. Volvendo á cuestión do Covid19, que balance fai do estado de alarma até agora a nivel xeral? E en Taboadela? 

A culpa non a quere ninguén e ninguén estaba preparado para afrontar este virus. E o único culpable é o bichiño. Dito isto, creo que temos que analizar dous puntos de acción. 

A xestión da pandemia: Creo que a xestión que asumiu como mando único o goberno central foi de menos a mais. No comezo viuse desbordado ante a magnitude da enfermidade o que o levou a tomar decisións sobre a marcha dos acontecementos e que resultaron contraditorias as veces. Creo que logo destes comezos, a xestión foi mellorando paulatinamente ata o día de hoxe. 

A prevención : Ata o día que se decreta o estado de alarma, as competencias en materia sanitaria e en servizos sociais correspóndenlle ás CCAA. Polo tanto, en previsión, quen tiña que prover de material, de persoal e de equipos sanitarios eran e son as CCAA. Quen é o responsable de que nos hospitais de Galicia, non houbera todo este material humano e sanitario? O Goberno da Xunta de Galicia. 

Quen tiña que prover de material axeitado ás auxiliares de axuda do fogar, ao persoal das residencias de maiores, era e segue sendo a Xunta de Galicia que ten transferidas as competencias en materia social. Non se pode esconder na xestión única cando estamos falando de prevención. E como si nunha fábrica se quere facer unha saída contraincendios, cando a fábrica xa está ardendo e os operarios atrapados. 

Con respecto a Taboadela, buscámonos a vida como case todos. Os primeiros días para dotar, dende o primeiro momento, de material axeitado ás auxiliares a domicilio. O primeiro material que recibimos da Xunta foron 23 máscaras, 14 días despois do estado de alarma. O resto do persoal teletraballou, excepto un administrativo que facía atención presencial a través da ventá e telefónica. 

Atendéronse todas aquelas necesidades que se ían detectando (alimentos, roupa, máscaras á grupos de risco, tarefas escolares, libros, ordenadores, limpeza e desinfección zoas comúns…). En definitiva cubrindo todas aquelas carencias que íamos detectando. 

14. Esta situación única require dun esforzo extraordinario por parte do Concello e as demais administracións, que opina das medidas establecidas até a data nos distintos ámbitos institucionais? 

Hai un desexo por parte das administración para que as consecuencias económicas, unha vez controlada a pandemia, sexan as menores posibles. 

Medidas económicas importantes para que os colectivos mais vulnerables non paguen en maior medida esta crise. Primeiro foron os ERTE os que suavizaron a conxuntura. Seguiron as axudas para os autónomos e os sectores mais castigados. Pero tampouco se deixan atrás aos que menos teñen coa aprobación do ingreso mínimo vital. 

Agora virán as medidas para a reconstrución e poder así saír canto antes desta situación. O reparto dos fondos europeos para as CCAA, e que estas reinvistan en educación, sanidade e sectores estratéxicos farán que mais pronto que tarde o país retome a situación preCOVID no menor tempo posible. Ese é o meu desexo. 

Por parte do concello, o que espero e que se financien de maneira axeitada as competencias impropias que xestionamos e o incremento dos gastos derivados do COVID 19. Tamén que para incentivar e manter o tecido produtivo, non se recorte en inversión cofinanciados polas administracións (Central, autonómica e provincial) coas entidades locais. 

15. Cónstame que unha das prioridades municipais son as axudas sociais. Que é o que se está facendo? 

Temos dúas liñas enfocadas ás persoas en risco de exclusión. 

Por unha banda, o abastecemento periódico de equipamento e sobre todo alimentos ás familias mais vulnerables,. 

Por outro lado, un traballo de inclusión laboral, a través dun convenio coa fundación Fundación Amigos De Galicia, onde a través da formación se fomenta a busca de emprego. 

16. É unha opinión persoal pero desde o meu punto de vista albíscase certo dinamismo en Taboadela (Escudería Taboadela, equipo ciclista, equipo de running, actividades diversas,..), un orgullo por ser de Taboadela. Qué opinión ten vostede respecto diso? 

Por suposto que resulta un orgullo que estes clubs representen a Taboadela. Pero non esquezamos o Club Lumelar que tamén está a facer unha gran labor tanto na súa participación en competición como na escola de tiro que xestiona co concello. 

En todos os casos, o concello participa dalgunha maneira con estes equipos. Mágoa da proba de BTT de Taboadela Bike e da Andaina que estábamos a preparar con moita ilusión, e tamén da Subida a Taboadela, que terá que esperar. Só nos falta concretar a forma de colaboración co Club de Running e mellorar a colaboración mutua co Club de Fútbol U.P. Taboadela

17. E por último, cales son os plans previstos e que desexo oculto garda para Taboadela, no caso que asi sexa? 

Ambas van unidas. O abandono sistemático dos núcleos estes anos fan que prácticamente todos estén nun estado lamentable no mantemento do seu asfaltado. A nosa intención é non asfaltar, senón ir humanizando estes sistemáticamente. Sen dúbida, isto farase de forma paulatina, pero farase. 



Grazas polo seu tempo e por permitirnos facerlle esta entrevista 




Comentarios