O futbol de dous rapaces de Taboadela



Toda historia ten un principio, comezos como “había unha vez”, "nun país moi afastado", "contan os vellos do lugar",... Todas parten dun momento que fai que abramos un pouquiño máis os nosos ollos e ofrezamos a nosa man para que nos leven a un final que sempre esperamos sexa sorprende.

Esta historia que vou contar puido comezar doutra maneira, doutra forma. Podería arrincar cun pai xogando á pelota cos seus fillos, puido comezar coa fuxida de dous nenos tras romper o cristal dunha porta cun vello e desinflado balón ou, mesmo, puido comezar con eses dous mesmos crios, un máis maior que o outro, mirando ensimesmados un partido de futbol na pantalla dunha vella televisión, mentres merendaban sentados no chan. 

Puido, esta historia que vos vou contar, ter algún destes comezos ou calquera outro, pero a nosa historia comeza como a continuación móstrovos. 



A finais dos 80, tiñamos en Taboadela un moi bo equipo de futbol, un magnífico equipo que o ano anterior (85-86) ascendera de Segunda Rexional e que loitaba por lograr un novo ascenso, esta vez á Preferente. Foi unha campaña dura pero os xogadores, o adestrador, a directiva e os afeccionados lograran tal comuñón que tiña o seu reflexo tanto nos resultados obtidos como na forma en que se conseguían os puntos que situaban a aquela U.P. Taboadela nos postos altos da táboa. 

Isaac, o noso adestrador, conseguira que o equipo lograse alcanzar esa situación grazas ao traballo e ao compromiso dos xogadores, grazas a sacar o máximo proveito a un excelente grupo de rapaces. Aquel era un grupo de mozos, moitos deles do concello, comprometidos e ilusionados co proxecto e co obxectivo fixado ao comezo do campionato. 

Lembro a Outeiriño, a Pepiño, a Castor, a José Manuel, a Carlos Puga, Luis Seara ... Bos rapaces, bos xogadores. 

O tema é que faltando pouco para finalizar o campionato, a UP Taboadela recibía ao seu máximo rival de face á consecución do primeiro posto. Se non me equivoco, creo que era o equipo de Castrelo de Miño. Era un partido importante que se xogaba no Outeiro do Miogo. A expectación entre as xentes do concello era máxima. Lembro que esa semana había un continuo run-run. No bar do Guillermo, en certos lugares de traballo, etc a xente falaba, opinaba i esperaba que ese domingo fose definitivo para o desenlace final da liga. 

Pero había un tema que preocupaba ao entrenador, á directiva e aos moitos dos xogadores do equipo. Ese domingo o Taboadela tiña bastantes baixas entre os xogadores titulares. E entre elas atopábanse os mellores xogadores do equipo. Esa semana previa ao partido, estiveron a barallarse diversas aliñacións de face a afrontar o partido do domingo con certas garantías. 

Eran anos onde o Taboadela tiña un equipo de xuvenís que gardaba nas súas filas algunha xoia por descubrir. Aquel equipo únicamente xuntábase para xogar o sábado e, moi de cando en vez, nos adestramentos do venres. Naquel equipo había varios xogadores moi interesantes que se tivesen o apoio necesario poderían xogar e soñar algún tempo mais do que o fixeron. De entre eles había dous mozos, dous nenos de 16 anos, dous nenos mais ben baixiños, pero que se engrandecían de maneira evidente cando se lle daba un balón. Xa todo o mundo sabía que aqueles dous rapaces dificilmente poderíanse seguir ocultando no Outeiro do Miogo. Un deses mozos chamábase e chámase Diego Fabello. O outro, Manuel Martinez Cid

O caso é que estes dous rapaces, xunto a outros dous xuvenís, formaron parte do equipo titular do Taboadela que ese domingo se enfrontou ao Castrelo de Miño. O día presentouse magnífico. A xente foi entrando no campo, a venda das omnipresentes rifas era frenética do mesmo xeito que a venda de botellins no bar. Non pasou moito tempo ata que todo o perímetro do campo estivese cheo de afeccionados. Os berros de ánimo e as pancartas e bandeiras deixábanse ver buscando animar aos seus. 

Entre eses había outro crío, un neno que non paraba de moverse e ao que lle gustaría estar dentro do campo xunto ao seu irmán. Ese neno tiña 7 anos e era Oscar Martínez. Pero del falaremos mais tarde 

O asubío do árbitro deu comezo a un partido moi disputado desde o mesmo inicio, a un partido típico de primeira rexional, con balóns longos, con moito choque, co “preciosismo" que esixe un partido desa categoría. E así foi ata que os dous pequenos rapaces quixeron formar parte daquel espectáculo. E certamente foino. O caso é que de súpeto aqueles dous ananos comezaron a baixar e a tocalo balón, comenzador a moverse e darse apoios un ao outro. Un escándalo. Hai xa tempo daquilo, e seguro que me equivoco, pero aqueles dous “renacuajos” fabricáronse e meteron 3 goles que darían o triunfo ao noso equipo, mentres enchían de alegría e sorpresa os ánimos dos seguidores locais. 

A xente berraba incrédula. Ninguén esperaba que o repaso fóra de tal calibre e que os artífices fosen dous rapaces do pobo, dous mozos que mostraran, cun insultante descaro, como se xogaba a aquilo. Todos nos mirabamos completamente alucinados. O que fixeran aqueles dous crios co balón non estaba previsto no guión. Os rivais víranse sorprendidos e incapaces de paralos. 

O partido finalizou con vitoria, a xente comezou a arremolinarse á saída do campo. Todo eran felicitacións, risas, alegrías, aplausos,... Lembro o orgullo de gañar e o orgullo de facelo daquela maneira. 

Ese foi outro inicio. Ese partido supuxo un cambio e o comezo dunha carreira no mundo do futbol. Ao finalizar esa tempada tanto Diego como Manolo Martínez, ao que acompañou o seu irmán Óscar Martínez, ficharon polo Pavillón 

E foi neste lugar, e neste equipo onde se iniciaron “duas” carreiras que os levarían a coñecer e a vivir o bo e o malo do futbol, o bo e o malo das persoas e do mundo en xeral. Manolo formou parte do equipo xuvenil da liga Provincial e ao ano seguinte da Liga Galega. Mentres, Óscar comezaba en alevíns a demostrar o inmenso talento que posuía. 

Os anos foron pasando. Manolo logrou o campionato da liga Galega Xuvenil xogando no medio campo e deixando mostras dun talento e unha elegancia dificilmente vista nun rapaz da súa idade e que comezaba a chamar á atención. Recordo que aquel foi, sen ningunha dúbida, un de mellores equipos xuveniles que vin en Ourense. Formábano un grupo de xogadores de moita calidade e que leváballes a gañar todos os partidos do campionato. No momento da final a liga, contra o Español da Coruña, o Pavillón endosoulles un 0-4 na súa casa. Ante esta demostración o partido de volta tivo lugar no Couto ante as cámaras da TVG. A televisión galega retrasmitindo un partido de xuvenís. O nunca visto hasta entonces. 

Manolo era o líder indiscutible daquel magnífico equipo. Dispuña dunha intelixencia que xunto coa súa elegancia á hora de afrontar calquera partido, facía que fose unha auténtica delicia velo xogar. A súa maneira de controlar o balón, de golpealo con ambas as pernas, o seu poderío por alto,... Xa por aquel entón deixara de ser un pequeno neno para ser un xogador con unha boa planta, con unha altura de mais de 1,80 cm 

Semellante talento fixo que ao final da liga Manolo Martínez fichase polo tristemente desaparecido CD Ourense, xunto a outros compañeiros do Pavillón xuvenil. Así chegou a un Atlético Ourense, coincidindo co Mundial de 1990. No equipo ourensán estivo durante 5 tempadas, unha delas, a 1994-1995, en Segunda División A.

Pavillón Juvenil 1987-88 - Pavillon Benjamín 1987-99

Lembro o día que tiveron que xogar contra a UD Salamanca no seu campo. A pesar da derrota por 3-1, Manolo fixo un grandísimo partido xogando de libero, o que mesmo lle valeu o recoñecemento público de Lillo, o adestrador salmantino. Tan correcto como sempre Lillo dixera en canto ao rival, que estaba situado en zona de descenso, que lle había “gustado o seu xogo e que a súa dignidade e orgullo seguían intactas” a pesar da derrota. Ademais destacou a actuación e o talento do libero ourensanista, do noso Manolo Martínez, ao que auguraba un futuro magnífico no futbol. Asi mesmo, Mario Guede, o adestrador bermello, en rolda de prensa, tamén destacou o partido Manolo, eloxiando o seu debut nesa demarcación e o traballo realizado a pesar das dificultades ás que tivo que enfrontarse pois “arriscamos moito e tiña que caer constantemente cara as bandas” 

Pavillón Xuvenil 1988-89 - Final Liga Galega (Estadio de O Couto)

A situación económica e deportiva do equipo, pero sobre todo, a falta de respecto a nivel persoal e a falta de profesionalidade dos dirixenes bermellos levan a Manolo a fichar pola Ponte que baixo o mando de Amancio aspiraba, a mediados dos noventa, ás mais altas cotas. De alí pasou a un UP Taboadela, que tiña como presidente a Clodomiro Novoa e que afrontaba unha tempada na Preferente Sur co maior dos propósitos e que acabou sendo un monumental fracaso tanto a nivel económico, como deportivo e social. 

Tras este paréntese Manolo fichou polo que creo, foi o seu equipo. Estou a falar do Monforte de Lemos, do CD LEMOS, e que non abandonou até a súa retirada no 2007. Foi aquí onde demostrou como ao futbol, igual que outras moitas cousas na vida, xógase con intelixencia, con respecto, con compromiso, con agarimo, con orgullo, ...Neste equipo foi referencia indiscutible tanto a nivel de compañeros, de xogadores, como da propia directiva que lle pediu, en varias ocasión, que aguantase algunha tempada mais como referencia de xogadores mais mozos. 

Con 37 anos, e cunha perna rota (como tamén ocorreu cando deixou o CD Ourense), Manolo retirouse do futbol deixando un rastro inmaculado entre os seus compañeiros, os seus adestradores e os afeccionados que o seguiron e apoiaron. Foi unveciño que chegou a xogar en Segunda División 

A, unha meta que poucos futbolistas alcanzan. Un xogador de Taboadela, da UP Taboadela que chegou a xogar na Segunda División A do futbol español. Un xogador de talento, un xogador inmensamente elegante cando se vestia de curto,.. e un exemplo de como se deben de facer as cousas. Neste caso, no futbol 

Mentres tanto, o seu irmán pequeno seguía o seu propio camiño. Era outro tipo de xogador. Distinto e igual a Manolo. Asemellábase no seu compromiso á hora de afrontar o seu traball0, os adestramentos, os partidos. Pero era distinto na súa maneira de xogar. 

CD Ourense, 1994-1995




Óscar Martinez
era un dianteiro cunha terrible fame de gol. Todo, todo o que facía tiña como obxectivo o gol. Era insaciable, inmisericorde cos contrarios. Poseedor dunha capacidades tremendas para xogar ao futbol. Dominaba calquera tipo de envío da pelota con dirección á portaría, xa fóra cunha ou outra perna, de disparo potente ou tiro colocado, o xogo aéreo. Tiña un físico espigado, unha rapidez endiablada e unha inmensa picardia que adornaba cunha técnica individual exquisita que se reflectían en caneos, en pases ou en continuos movementos de desmarque ou de apoio polo campo. 

No ano 1992, cando tiña 12 anos, o Diario La Región xa se fixera eco da súa capacidade goleadora publicando unha entrevista titulada “Un goleador nato coas máximas aspiracións dentro do futbol”. Xogaba no Pavillón Infantil e os seus números eran de escándalo. En alevíns, por exemplo, promedió uns 100 goles por tempada,... Estivo desde os 8 anos no Pavillón, xogando en todas as categorías ata que fichou, igual que o seu irmán Manolo, polo Atlético Ourense. Ese primeiro ano adestraba ao CD Ourense o pontevedrés Alberto Argibay que o sobe ao primeiro equipo (compaxinando co filial) despois de ver como no primeiro partido da tempada en Preferente Sur Óscar Martínez mételle 4 goles ao Celta B de Milo Abelleira. 

A partir de aí a carreira de Óscar ese ano foi unha auténtica exhibición: polos goles que marcaba, pola espectacularidade das súas aparicións, por como se movía no campo, como encaraba, pola facilidade con que se ía dos seus contrarios,... Pero o bo non tardaría en chegar. A Copa do Rei ía permitir a Óscar aparecer no escaparate do futbol nacional. 

O CD Ourense pasou varias eliminatorias ata que na oitava rolda enfrontouse a un Real Mallorca adestrado por Fernando Vázquez e que contaba nas súas filas a xogadores tan importantes como Leo Franco, Fernando Neno, Siviero, Lauren, Ibagaza, Nadal (si, o tío do Rafa Nadal), etc. No partido de ida, xogado e Ourense, o resultado terminou 2- 2, o segundo dos ourensáns foi obra de Óscar. Pero a sorpresa tería lugar en Son Moix onde os nosos gañaron 1-2, grazas ao gol de Óscar no minuto 76, despois de deixar en evidencia a lentitude de Nadal. 

As crónicas dicían que “Martínez marcou o segundo gol ante a desesperación do público que recriminou aos seus xogadores antes de empezar a abandonar Son Moix” 

Un equipo de Segunda B acababa de eliminar a unha Primeira División. Pero isto era só un aperitivo, pois na seguinte eliminatoria íanos a toca o todo poderoso FC Barcelona de Louis Van Gaal e Mouriño. Un equipo que tiña xogadores como Guardiola, Figo, Abelardo, Luís Enrique, Rivaldo, os irmáns De Boer, Sergi,...un equipazo que era campión de Liga e Copa. 

Oscar Martine e Guardiola

En partido de ida xogado no Couto, e que Óscar xogou de titular, o Barcelona gañou 1-2. O equipo catalán gañaba 0-2 ata que no minuto sesenta Óscar é obxecto de penalti por parte de Bogarde despois de quedar en evidencia ante o tremendo caneo que o noso dianteiro faille na área. Posteriormente “Óscar aproveita un rexeite do porteiro Ruud Hesp despois dun penalti tirado por Garitano” 

Despois dese partido as ofertas comezan a chamar á porta de Óscar Martínez: Barcelona, Atlético de Madrid, Celta, Deportivo, Zaragoza,...e Real Madrid C.F.. 

O soño que Óscar, e tamén do seu irmán Manolo, acababa de cumprirse. Óscar Martínez fichou polo Real Madrid en xuño do 2000 esta maneira un rapaz que comezou a xogar ao futbol en Taboadela facía as maletas e íase a Madrid. E alí aterrou, o mesmo ano que Figo chegou do Barcelona. Dun pequeno pobo galego a unha inmensidade de cidade e á que lle custou adaptarse polo ruído e a calor que atopou ese mes de agosto. Era a época dos “Galácticos”, dos Zidane, Raúl , Roberto Carlos, Guti, Figo, Fernando Hierro, Casillas, Sanchis,...de Vicente do Bosque, e cos que se atopaba cando se enfrontaban en partidos de adestramento. 

Un ano estivo no Real Madrid- Castela, en Segunda B. A partir de aí inicio unha longa carreira que o levarían a converterse no xogador español con máis partidos en Segunda B, levaríano a ser nomeado mellor xogador do Grupo Andaluz de Segunda B, levaríano a coñecer a multitude de persoas, xogadores e lugares,.. a ser un enorme xogador de futbol. 

Real Madrid- Castilla, 2000-01

Do Real Madrid (2000-01), Óscar Martínez foise á UE Lleida (2001-03) onde coincidiu con Busquets “pai” e co seu fillo, un neno chamado Sergio Busquets. Posteriormente foise ao U.D.A. Gramenent Milán (2003-04), CD Ourense (2004-07), CD Linares (2007-08), Granada CF (2008-09), Deportivo Alavés (2009-2011), Real Oviedo (2011-2012) e até o 2014, ano da súa desaparición, no CD Ourense 

Óscar Martínez triunfou no futbol, tal como acredítano os seus anos no que desenvolveu a sua carreira profesioal, o triste é que ás veces non todo depende dun mesmo. O traballo, o compromiso e o talento necesitan, ás veces, de atopar un intre onde poidan charlar e planificar un bo futuro sen que haxa un molesto ruído, a maioría das vece vestido de persoa, que non entorpeza poder chegar ainda mais lexos. 

Como xa diremos anteriormente Oscar era o prototipo de dianteiro centro. Dominaba á perfección calquera situación que se pondera dar nun campo de futbol. Óscar era puro talento futbolístico. Tíñao todo: velocidade, destreza, axilidade, era listo, era un loitador. Era un futbolista en maiúsculas. Óscar era un inmenso dianteiro. Un enorme xogador de futbol 

Esta historia comezou anos atrás, comenzó un domingo nun campo de area, un campo que deu paso a outros campos, campos de herba, estadios cheos de afeccionados, xente animándoche ou insultándoche, campos onde se loitaba e coñecíanse a compañeiros,... Ao final trátase dunha sinxela historia de futbol e de futbolistas. De persoas que gozaban co que facían e facían gozar. 

Uns rapaces de Taboadela que alcanzaron o seu obxectivo: xogar ao futbol ao máximo nivel sen esquecerse nunca quen eran, o que lle ensinaron e de onde viñan. Foi un inmenso placer velos xogar ao futbol. 

Un orgullo



Comentarios