#7T


Hoxe fai sete anos que comezamos con todo isto que vístese de T e que nos fai perder algúns minutos ao día a algún de nós 

Aqueles comezos foron consecuencia de buscar e buscar e non atopar nada que contase algo de Taboadela, que informase o meu pobo. Iso é o que sempre dixen cando me preguntan e tamén cando non o fan. O certo é que aquilo xurdiu porque estaba aburrido e déume por comezar a rebuscar, a meter os narices en moitas buracos e, co que ía conseguindo, mostralo a todos vós, a nós. Aos poucos que fomos naqueles intres. 

Ese ano, o 2013, ou polo menos ese tres primeiros meses, o tempo que transcorrera até ese 3 de abril, discorrera sen grandes sobresaltos na nosa vida diaria. Había cousas destacables e que ocupaban as portadas dos xornais e dos faladoiros da radio e a televisión: a renuncia de Benedito XVI e o nomeamento de Bergoglio como novo Papa, a morte de Hugo Chavez ou o cuarto balón de ouro de Messi. Mentres, as preocupacións do mundo tiñan que ver coas probas nucleares de Corea do Norte, a intervención militar francesa en Malí ou a firma do Tratado sobre o Comercio de Armas na ONU. Nimiedades 

Hoxe, sete anos mais tarde, todos nós atopámonos no medio dun mal soño, no medio dunha distopía inesperada polo repentino da súa aparición, pola crueza da súa presenza, pola dor, a desesperación, a angustia e a negrura coa que nos cobre a todos. 

Sete anos despois todos nós atopámonos na terceira semana de peche polo coronavirus, polo COVID-19, que ten ao mundo dado a volta e que xoga coa nosa vida, coa nosa saúde, pero tamén cos nosos principios, cos nosos valores e coa maneira que entendemos o mundo. As noticias que vemos na televisión, escoitamos pola radio ou nos chegan a través do noso movil métennos cada vez mais nun buraco de medo, de desesperanza e de preocupación. Preocupación por nós, pero sobre todo polos nosos. 

Sete anos despois, segundo avanzan os días, a sensación é que estamos peor que onte, non se albisca unha saída a todo este mal soño. As palabras, as imaxes, os rumores esmágannos e esmagan o noso ánimo. Pero non debemos deixarnos vencer. Non podemos permitir que o virus do medo e da desesperación poida connosco. E para iso debemos seguir cumprindo o que se nos pide, aínda que non o entendamos, critiquémolo ou non esteamos de acordo. Debemos ser rigorosos coas medidas de hixiene, co feito de manternos nas nosas casas, cumprindo as distancias e tendo coidado no caso de saír a rúa. Iso que parece tan sinxelo é o que fará que salgamos vitoriosos fronte ao COVID-19. 


Sete anos despois, serán estas medidas e o compromiso, o esforzo, a profesionalidade e a xenerosidade de toda esa xente que está a cumprir como o seu labor, desde os sanitarios até os camioneiros, desde a policia ao panadeiro, desde coidador ao pessoal da limpeza,.. e xunto a eles todos nós, os nosos nenos e o noso maiores, os que farán que máis pronto que tarde podamos a empezar percorrer, unha vez máis, un novo camiño cara adiante, un camiño que nos permita volver ser felices. I eso, estou seguro del, lograrémolo pois é imposible que con tanta xente boa empuxando non logremos chegar ata a porta de saída. 

Este obxectivo alcanzarémolo e farémolo sufrindo. Non nos podemos enganar nin enganar aos demais. Esa dor xa se está entre nós e faio con especial dureza, faio impedindo a proximidade nos momentos difíciles, faio danando aos máis débiles e faio cos nosos. Pero esa dor tamén ten que ser unha razón máis para non renderse, para non abandonar, para loitar. 

Hoxe fai sete anos que unha T arrincou e estou seguro que seguirá algúns anos máis. Seguirá a T de tenrura, a T de tocarse, a T de traballo, a T de tolémia, a T de tranquilidade, a T de todos, ... a T de TABOADELA 

Un aperta, un bico e o infinito agradecemento a todos vos por estar ahí. 

... e a cervexa deixámola para dentro duns días

Comentarios