Un ano no que todo cambiou…




Xose Antón Calviño (Concelleiro de VETA


“No noso caso deberíamos camiñar por outras vías: a rehabilitación dos núcleos, a disposición de vivendas, a posibilidade de atraer a profesionais que poidan teletraballar nun entorno natural ideal, etc. A nosa oferta iría por dar calidade de vida e servizos á comunidade”. 


Pídesenos dende ese medio local que pon en contacto á xente de Taboadela, -e que tanto ten feito nos últimos sete anos-, a nosa visión sobre o primeiro aniversario dun goberno novo no Concello de Taboadela, en concreto a valoración e opinión sobre a xestión do goberno, a valoración das nosas achegas e as metas para o resto do mandato. 

En primeiro lugar temos que dicir que Ve-Ta é o grupo máis minoritario –o menos votado- e a nosa misión neste concello, dadas as circunstancias, foi en primeiro lugar, facer oposición; oposición moi rigorosa, denunciando todos os feitos que nos parecía, segundo o noso criterio, que non se axustaban á legalidade, ou que se amosaban incoherentes co que se prometera, cando non contraditorios ou enganosos. Neste sentido son coñecidas as nosas críticas nos máis de primeiros cen días de xestión, que están publicadas na nosa páxina de maneira moi datallada e exhaustiva. Críticas que foron contestadas rapidamente con descualificacións por parte do alcalde ás que non quixemos contestar para non manter unha polémica estéril fóra do ámbito municipal. Do mesmo xeito, están publicadas as crónicas dos plenos, un por un, detallando todo canto alí se acorda, se pregunta ou se suxire. Pódense seguir, unha por unha, na nosa páxina e ter constancia do acontecido tal coma se dunha acta se tratase. 

Mais, independentemente dos detalles concretos sobre a xestión, cumpriría analizar cal é o modelo que se propuxo e, conforme a ese modelo, qué xestións se realizaron e qué medidas concretas se tomaron. Dende o noso punto de vista, tentouse facer unha xestión personalista, cando se prescinde da Xunta de Goberno. A figura do alcalde asume todas as funcións da dita xunta, de xeito que as decisións que se tomaban de maneira colexiada, agora corresponden a unha soa persoa. Por outra banda, especialmente nos meses de xuño a decembro, había unha présa excepcional por facer moitas cousas, e por facelas inmediatamente, –e sobre todo por publicitalas-. De tal maneira, que a precipitación levou en varios casos a cometer erros, cando non saltarse procedementos. Son coñecidas as nosas críticas sobre a adxudicación do quiosco da piscina, ou sobre as decisións personalísimas na xestión de persoal por parte do alcalde, que levou nalgún caso a ter que indemnizar con 10.000 euros a algún traballador (a pesar de ser advertido pola nosa parte sobre esa cuestión). En relación coa publicidade sobre as accións municipais chegouse ao punto de que o anuncio por exemplo da recollida de trastes, fíxose con tanto tempo de antelación e con tanta reiteración que houbo que facer máis recollidas das previstas e polo tanto incrementar considerablemente o gasto neste apartado (pódese recordar como algún fotógrafo afeccionado retrataba un camión que non daba entrado nalgúns lugares). Recordarase tamén como as pistas de titularidade municipal estaban sen limpar e a xente protestaba –do mesmo xeito que nestas datas actuais-.(Neste sentido a nosa propostas vai máis alá, e estamos por ter un servizo permanente efectivo non suxeito ás subvencións nin da Xunta nin da Deputación). 

Tocante aos servizos municipais, observamos que o modelo que se segue é o de xestión través de empresas: para a xestión das nóminas, para a mecanización dos datos, contabilidade, mantemento de xardíns, asesoramento e documentación técnica para proxectos, fontaneiría e electricidade, para campamentos de verán, ximnasia de mantemento e outros, e agora, tamén, para a limpeza das pistas e as estradas no municipio. Neste aspecto, o concello funciona como un xestor que contrata empresas para que fagan determinados servizos. É unha opción. Non obstante, nós opinamos que sempre que sexa posible é moito mellor a xestión directa. Obriga a máis traballo dos funcionarios ou políticos con dedicación, pero –segundo o noso criterio- ao longo do tempo resulta máis eficaz e produtiva. O mesmo acontece cos grandes contratos como o da xestión da auga con concesións a longo prazo, ou a delegación dos impostos a través da Deputación Provincial, ou por poñer un caso a xestión da recollida do lixo. (Recórdese que este foi un punto de debate que creou polémica no concello pola forte suba de cara a tres anos para facelo viable conforme aos custos do servizo. Neste caso, a xestión do alcalde foi “mecánica” ; e dicir, actuou a piñón fixo…buscando a solución fácil: como é deficitario, subo as taxas. Non se cuestionou outras alternativas que poderían incidir na redución de custos, arbitrando solucións de reciclaxe e reutilización. Certo é que, por única vez durante este ano nos convocou aos voceiros dos grupos políticos para informarnos da súa intención; mais todos entendimos que o pretendía era o noso apoio -particularmente o de Ve-Ta- nesta medida impopular, e non o tivo, polas razóns aludidas). 

Outro asunto polémico foi o das dedicacións parciais do alcalde e tenente de alcalde e as retribucións correspondentes. Neste asunto fomos e seremos moi belixerantes. Reprobamos con dureza eses acordos, que retratan, unha vez máis, certa clase de políticos que fan desa nobre función, un medio para medrar doadamente. Nós non dicimos que un alcalde de Taboadela non teña que cobrar, se fai un traballo que se poida constatar. Nós o que criticamos, e polo que presentamos varios recursos, é que un mesmo se poña o seu soldo, vote e aprobe o que vai cobrar e o que vai traballar, e que para iso se poña de acordo con outro que tamén vai cobrar e vai decidir o tempo que vai traballar. Nós o que criticamos é que mentres a xeralidade dos funcionarios non poden cobrar máis que un soldo das administracións públicas, esta clase de políticos poidan cobrar de dúas ou tres administracións aproveitando as fendas que na propia lei deixaron os políticos que fixeron a norma para seguir tendo esas prevendas. 

Nós o que criticamos, é polo que presentamos un recurso no que se nos deu a razón por forza, é que o propio alcalde realizase manobras que logo se declararon nulas, para que o noso recurso primeiro non fora admitido. En calquera caso, o asunto resolveuse cunha nova votación, na que a maioria do grupo gobernante mantivo o seu status quo. Nós xa non imos insistir máis neste tema. Cada quen é responsable do que vota. Nós seguiremos mantendo que ese acordo, senón foi ilegal, foi cando menos ética e moralmente impresentable –como dixemos no seu momento- e hoxe, nas circunstancias que vivimos, é aínda moito máis impresentable. 

Tocante o ámbito da cultura fíxose unha semana cultural a primeiros de setembro. Semana de actuacións e actividades, unhas con maior acerto que outras e…, en calquera caso, fóra do encaixe dos presupostos, que tiveron que adxudicarse a outras partidas e facendo filigranas para poder pagar accións que non estaban previstas. Certo é que, como levabamos anos de inanición neste ámbito, resulta atractivo e interesante que se fagan estas actividades –como acontece con outras, en relación co lecer dos nenos e nenas ou as encamiñadas á ximnasia de mantemento etc-. A nosa posición sobre estas accións vai cara a elaboración dunha programación de actividades culturais ao longo de ano, de xeito que se manteña a continuidade e non que se concentre todo nunha semana. Neste sentido é moi relevante a posibilidade de dispoñer dun espazo para tales fins, como pode ser o da casa reitoral, no que por outra parte xa o concello se fixo coa propiedade e agora hai que emprender o proxecto de rehabilitación. Sabemos que dadas as circunstancias actuais, é posible que esta acción quede nun segundo plano, mais o grupo de goberno sabe que conta con noso apoio e a achega de suxestións neste proxecto, que asumimos completamente, posto que tamén o levabamos no noso programa. Algo semellante acontece coa biblioteca; o cambio de ubicación que ata marzo se revelaba como axeitado, agora seguramente se vai cuestionar polo reducido do espazo e a necesidade de gardar “a distancia social”. Por outra banda a contratación dunha persoa para dinamizar este servizo e máis para atender aos nenos e nenas da escola á primeira hora, quedou paralizada e hai que lle dar un novo pulo. A iniciativa do club de lectura, que se fai a través da rede, é unha moi boa idea que cómpre seguir apoiando e publicitando. Tocante á Escola é coñecida a nosa posición dende hai moitos anos. Cómpre dotala dos recursos necesarios -e, se cabe, máis aínda, que outros centros educativos da contorna-, para que os pais e nais de Taboadela escollan en primeiro lugar esta escola antes ca ningunha outra. Neste ano a Asociación de Nais e Pais, tívose que facer cargo da contración desa persoa e –aínda que o concello achegase unha axuda- cómpre dispensar aos pais desta carga. 

No tocante ao deporte, o apoio a iniciativas de clubs por parte do concello, parécenos moi positiva (atletismo, bici de montaña, tiro con arco, ximnasia deportiva…). A utilización dunha infraestrutura como o pavillón e o seu aproveitamento parécenos axeitada. Apoiaremos as iniciativas que teñan que ver coa práctica deportiva (especialmente aquelas que teñan que ver coa mellora da condición física e a saúde). Cómpre recordar tamén os deportes que gozan de maior popularidade, como pode ser o fútbol, ou o automobilismo. Neste sentido, o concello fíxose cargo de certos gastos que arrastraba o fútbol do período anterior. É coñecida e –penso que coindicimos co grupo de goberno- a nosa posición dun control rigoroso sobre as axudas económicas do concello ao club de fútbol. Por outra banda, recuperouse a Subida a Taboadela, proposta que levaba Ciudadanos no seu programa, con notable éxito de público e afección. En toda a publicidade, cartelería…presentación,etc. figura o concello como patrocinador, xunto con outras entidades. Preguntado o alcalde sobre os gastos ocasionados con esta actividade a resposta é que o concello non gastou nada. ¿? 

Acabamos de enteirarnos de que a Subida deste ano, non se vai facer. A nota da Escudería Taboadela, que preside o tenente de alcalde, xustifica a decisión nas circunstancias actuais relacionadas co coronavirus e outras de índole económica e organizativa. 

Seguramente a inhabilitación do presidente da Federación Galega, que aparecía nas fotos en Taboadela, tampouco axudou. https://youtu.be/VgjxGuuIspU?t=314


Tocante aos orzamentos, aínda considerando pola nosa parte que as contías estaban inchadas en grande parte porque correspondían a subvencións que se computaban e que dependían doutras entidades, non nos opuxemos. Botamos en falta a posibilidade de participar na súa elaboración (como é sabido, nós somos partidarios dos orzamentos participativos) mais esta é unha decisión do grupo de goberno e neste sentido, actuou libremente. 

En relación coa atención ao público e as medidas organizativas no ámbito administrativo, parécenos que se avanzou considerablemente. A práctica totalidade das medidas adoptadas as levabamos no noso programa e apoiámolas para dar unha mellor atención aos veciños e veciñas. Ben é certo que se produciron certos colapsos en momentos puntuais pola coincidencia de procedementos e prazos de actividades. Cómpre corrixir eses desaxustes, xa que hoxe disponse de persoal suficiente e cómpre establecer un horario de atención aos veciños por parte do alcalde ou tenente de alcalde. 

Tocante á cuestión de urbanismo, que é competencia directa do alcalde, a actuación foi un pouco errática. Estívose pola compra de inmobles (está xustificada a compra da reitoral) coa intención de erradicar o feísmo; pero esa non é solución. A solución vai por un plan integral de rehabilitación de núcleos, que por suposto, leva outras moitas accións. Este podería ser un proxecto que dinamizaría as aldeas, daría traballo e atraería poboación. Poderíase comezar por un en concreto (a maneira de experiencia piloto) e ilo espallando pouco a pouco por outros núcleos. 

As propostas que se fixeron para o Abeledo ou o Castro en relación co camiño de Santiago, son accións puntuais suxeitas á subvención da Consellería de Turismo e é moi posible –segundo me comunicou o alcalde- que non se leven a cabo, nestas circunstancias. 

Por outra banda, algúns veciños ven un certo sesgo nas actuacións previstas na Rabeda ou Lama de prado, con proxectos específicos para esas zonas. Seguramente son coincidencias que teñen que ver coa disposición de espazos axeitados. 

Do mesmo xeito, o alugueiro da nave en Pereiras, decisión directa do alcalde, non se revelou moi práctica posto que, o lugar de referencia debería ser o Concello (pero seica non había ningunha a disposición máis próxima). 

Chegamos ao mes de marzo e todo vai mudar, o Coronavirus vainos confinar nas nosas casas e o tempo “párase”. Non hai nada urxente, ou mellor dito, só hai unha urxencia: a saúde. Calquera asunto, por importante e urxente que fose, pode esperar. O país paralízase e Taboadela, tamén. En moitos casos, o medo apodérase da xente –especialmente das persoas maiores ou con problemas de saúde-. Ninguén pola rúa, non se escoita máis ca os ruído da natureza ou os páxaros. Moito tempo para pensar e moito tempo para valorar que é o importante: o importante son as persoas. O prioritario é mirar por elas, pola súa saúde e polo seu benestar. O concello actuou atendendo as necesidades que se presentaron e coa máxima dilixencia que puido. Nada que lle obxectar. Antes ao contrario, Álvaro sabe que neste asunto tiña e ten a máxima colaboración pola nosa parte. Consideramos que isto está por riba de calquera cuestión política e partidista –aínda que tampouco hai que esquecer as datas nas que estábamos, e cómo se tentaba facer electoralismo con isto-. 

¿E agora que? 

O tema xa se viña debatendo dende o confinamento. Mentres estabamos confinados todos faciamos propósitos de cambiar moitas cousas na nosa vida, tanto no plano individual coma colectivo: hai que coidarse máis (todos a facer exercicio) hai que coidar das persoas que temos preto (máis visitas aos maiores, preocuparse máis pola súa saúde, estar máis cos nenos, xogar máis con eles, prestarlles máis atención e non deixalos sós cos aparellos tecnolóxicos polo medio etc). Todos estes bos desexos conflúen en tres cousas básicas na nosa vida: saúde, educación e respecto polo medio ambiente. Todas tres, resúmense nun concepto: benestar. 

O noso grupo Ve-Ta ten estas cuestións moi claras, e así o plasmou nos respectivos programas electorais. Moitas das medidas que nós propoñiamos xa no 2007, estanse levando agora a cabo. Ben é certo, que con matices, pois cada quen entende as cousas ao seu xeito. 

No apartado do medio ambiente o 30 de setembro de 2019 levamos ao pleno unha moción para a adhesión do Concello de Taboadela ao Pacto Europeo dos alcaldes para o clima e a enerxía, que foi aprobada por unanimidade e levada a cabo pouco despois polo alcalde. Neste sentido tamén valoramos moi positivamente a acción proposta polo grupo de goberno en relación coa eficiencia enerxética da dupuradora do Amendo, que xa dispón dunha subvención do oitenta por cento. 

Por outra banda o día 25 de novembro levamos ao pleno unha moción sobre a necesidade de acondicionar camiños para a práctica de sendeirismo e paseos cardiosaudables, que tamén foi aprobada por unanimidade. 

No noso programa electoral levabamos un programa integral de saúde, en colaboración centro de saúde. A nosa pretensión era, a promoción da saúde a través de hábitos de actividades físicas saudables para todos os veciños e veciñas, acompañadas de orientacións sobre nutrición e outros aspectos que incidan na saúde das persoas. Este sería un programa a desenvolver en distintos espazos. 

De cara ao futuro, deberanse marcar prioridades e nós entendemos que os servizos sociais do concello, que hoxe dispoñen de máis medios, poden facer un labor proactivo, para atender calquera necesidade e promover a mellora social e de calidade de vida de todos os veciños que o precisen. Deberase potenciar o servizo de axuda no fogar e atender calquera necesidade que haxa nese sentido. 

En relación coa dinamización económica, hoxe por hoxe, vemos moitas dificultades para a instalación de empresas no concello. Segue aínda pendente o problema da disposición de solo industrial e hai oferta abonda en concellos lindeiros. No noso caso deberíamos camiñar por outras vías: a rehabilitación dos núcleos, a disposición de vivendas (para alugar ou mercar –que seica xa está facendo o concello nunha plataforma-) a posibilidade de atraer a profesionais que poidan teletraballar nun entorno natural ideal (claro que neste sentido deberíanse ir concretando xa os proxectos de conexión mediante fibra óptica nalgúns lugares do concello) etc. A nosa oferta iría por dar calidade de vida e servizos á comunidade. 

Tal como dixemos, a cultura, cunha programación que teña certa continuidade tamén pode ser un foco de atracción cara ao noso concello. Temos que buscar algo que nos caracterice e nós faga singulares; o entorno xa o é, agora falta a parte humana da paisaxe. 

Entendemos que a xestión municipal debe estar á vista de calquera veciño; é dicir ser transparentes e claros en todo canto se fai (é a maneira de que se poida supervisar calquera actuación), mais isto, ás veces, pode converterse nun puro anuncio publicitario. En lugar de tanto “anunciar” o que se vai facer eu suxeriría que se dese conta do que se fai. Por outra banda, quizais sería conveniente discriminar o que son accións administrativas e institucionais, do que son comunicacións máis informais. Cada cousa ten a súa canle de comunicación. 

En resumo, xa nada vai ser igual. Aínda así, a natureza humana é como é, e temos tendencia natural a esquecer aqueles asuntos que nos afectaron negativamente. Neste caso o ideal sería que certas leccións nos quedasen aprendidas…

Comentarios