Fernando Fernández Almuiña
Moitos veciños non coñecen outro alcalde que non sexa Don Manuel Galego Vila. Mesmo moitos defenden a tese da súa "suposta eternidade política", pero o certo é que antes del houbo outros. De feito, hoxe imos lembrar ao seu predecesor, o señor Fernando Fernández Almuiña.
A principios dos anos 70, Fernández Almuiña chegou a Taboadela para asumir a alcaldía, nunha época na que a democracia non era unha realidade consolidada. Pouco despois da súa chegada, reuniuse con varios veciños para formar a agrupación local, entre os que xa se atopaba Manuel Galego. Foron anos difíciles nos que no noso pobo escaseaban as comodidades: moitas aldeas carecían de accesos, non había servizo de auga, entre outras carencias.
Aquel profesor educado, que falaba castelán, comezou a dar os primeiros pasos para mellorar a vida dos veciños. Participou na organización de comisións de festas, colaborou nalgunhas pequenas obras nas parroquias e impulsou a construción da estrada que pretendía conectar Taboadela coa aldea de Torán. Ese proxecto, con todo, xerou unha gran controversia e acabou provocando a súa dimisión como alcalde pouco despois.
Aquela estrada causou un forte enfrontamento, especialmente cos veciños e propietarios de terreos de Taboadela. Ninguén quería perder nin un metro de terra para unha “endemoniada” estrada. Finalmente, a obra levouse a cabo, aínda que con evidentes defectos no seu deseño, consecuencia das malas relacións xeradas. Posteriormente, construíuse a estrada que comunica Taboadela con Pereiras, xa baixo o mandato do actual alcalde.
Como xa mencionamos, a estrada de Torán foi a causa da renuncia de Fernández Almuiña á alcaldía de Taboadela. Pero antes diso, en 1971, presentouse como candidato a procurador en Cortes por representación familiar (correspondían dous por provincia). Naquel momento, era un home novo de 35 anos, casado e con dous fillos. Mestre nacional, alcalde e xefe local do Movemento en Taboadela, tamén presidía a Agrupación Provincial de Antigos Membros da Fronte de Mocidades. Finalmente, non resultou elixido.
A forma en que se desenvolveron aquelas votacións resulta moi ilustrativa da época. Mentres se realizaba o reconto, chegou o secretario do concello, un "señor de Boiro, moi educado e moi facha", e dirixiuse aos responsables dicindo que tomasen nota, porque todo estaba xa listo e decidido. "¿Listo?", preguntaron. "Si", respondeu, "listo e decidido". A continuación, dixo: "Anotade: a participación foi do 100% e os votos foron de tantos para o señor Franqueira, tantos para o señor Fernández Almuiña, xa que é alcalde de aquí, e tantos…".
¿Iso era organización, non?
Despois de todo isto, e do “cristo” da estrada de Torán, Fernández Almuiña deixou atrás a alcaldía de Taboadela e continuou coa súa carreira profesional no Colexio de Seixalvo, onde chegou a ser director ata mediados dos anos 90.
Pero ademais da súa traxectoria docente, Fernández Almuiña tamén desenvolveu unha carreira de máis de 40 anos como pintor. Foi amigo e compañeiro do falecido Xaime Quessada, con quen realizou varias exposicións colectivas. Tamén presidiu a Asociación de Profesores Estatais de Ourense, que o nomeou Docente Exemplar en 2005, e foi membro da Asociación de Mestres Pintores.
Ademais, dedicouse ao mundo das viñetas, que comezou a publicar no diario La Región desde o ano 2005. Caracterizábanse por tratar temas de interese xeral.
O 14 de novembro de 2007, publicou en La Región unha viñeta sobre a famosa escena protagonizada polo Rei Don Juan Carlos e Hugo Chávez, entón presidente de Venezuela, durante a Cume Iberoamericana. A viñeta facía referencia á inesquecible frase: "¿Por qué no te callas?".
Tras o éxito do debuxo, algúns compañeiros humoristas gráficos suxeríronlle que enviase a viñeta ao Rei, en recoñecemento por defender a José Luís Rodríguez Zapatero. E así o fixo. A carta foi enviada ao Palacio da Zarzuela o 22 de abril dese ano. Para a súa sorpresa, unha semana despois, o 29 de abril, recibiu unha carta certificada da Casa Real. Ao abrila, descubriu unha mensaxe escrita de puño e letra polo Rei, que dicía textualmente:
"Querido Fernando: Moitísimas grazas por enviarme o orixinal da viñeta que publicaches no diario La Región e pola túa afectuosa carta. O debuxo é fantástico. Mil grazas. Co meu afecto, Juan Carlos Rei."
Segundo aclarou o humorista gráfico, para el foi unha gran satisfacción que a xente recoñecese o seu traballo, e especialmente que o fixese o propio Rei. "Cando alguén che recoñece algo, a falsa modestia non debe existir", explicaba Fernández Almuiña.
Ademais, afirmou que, de estar no lugar do monarca, el tamén tería reaccionado da mesma forma, xa que Chávez non deixaba falar e estaba a interromper constantemente.
Espero poder contarvos no futuro máis sobre o noso anterior alcalde. De momento, e á falta doutras cousas, deixo aquí unha foto dun dos seus cadros, titulado "No peirao".
Este era mi tío Fernando, único hermano de mi padre, a quien siempre recuerdo con mucho cariño. Era una persona original, avanzada para su tiempo, inteligente, y muy entrañable y divertida. Espero que esté con mi padre allí arriba tomando un vino y unos callos en el Tomás...
ResponderEliminar