DOUS E DOUS…NON SON CATRO (Xosé Antón Calviño Martínez)


No ecuador do mandato, pídesenos a nosa opinión sobre o traballo desenvolvido e as perspectivas para os dous anos próximos. Respecto da primeira parte son públicas as nosas críticas sobre algunhas actuacións do grupo de goberno, nas que non imos insistir porque son sobradamente coñecidas e están publicadas nos resumos que facemos de cada pleno que se fai no concello. 

É certo que se partía dunha situación de desleixo e falta de iniciativas do anterior grupo gobernante, posiblemente propiciado pola rutina de tantos anos de goberno sen achega de persoas e ideas novas. Dende este punto de partida o novo grupo de goberno comezou con moito ímpeto a querer facer todo, e facelo xa. Así houbo certos “patinazos” e precipitacións que non imos recordar. Por outra banda, a situación era moi favorable porque calquera iniciativa que se fixese ía ser ben acollida, posto que, como dixemos, viñamos dun longo período carente delas. Oito meses para poñer en marcha accións dirixidas aos máis pequenos, a biblioteca, a piscina municipal, as xestións encamiñadas a consecución dunha casa da cultura, á eficiencia enerxética, o pacto europeo dos alcaldes polo medio ambiente, a xestión do lixo, a semana cultural, a mellora dos servizos administrativos, etc. 

Pero todo cambiou en marzo do 2020; o parón propiciado polo confinamento que nos pechou nas nosas casas durante máis de tres meses e a lenta “volta a normalidade”, que nunca máis se deu, levounos a dar un “freazo” naquela iniciativa primeira. Os ritmos cambiaron e as cousas fóronse facendo máis amodo, cando non se suspenderon - como foi o caso dalgunhas-. A dinámica municipal, atenta á situación dos veciños, foi atendendo as necesidades que houbo, sen que se producisen maiores contratempos. Ben é certo que esa situación tamén propiciou que non houbese practicamente iniciativas que obrigasen a máis. E este ritmo lento, parece que callou, de xeito, que hoxe os proxectos que hai van amodiño (a non ser que haxa que xustificar unha subvención e que os prazos obriguen). Pode comprobarse con tema da rehabilitación da casa reitoral, co convenio coa Confederación Hidrográfica para obras de Saneamento, ou co Ministerio de Industria e Enerxía de cara a eficiencia enerxética. Os nosos cálculos lévannos a afirmar que estas obras non estarán rematadas ata maio de 2023 aproximadamente (se é que están). 

O escaparate da obra do Abeledo, coa subvención da Xunta por estar no Camiño de Santiago, levounos a ver que era posible crear entornos máis agradables para vivir e tentar recuperar os pobos que ameazan abandono. A seguir emprendeuse a obra de Pazos, coa subvención da Deputación, e virán outras posteriormente, ou iso esperamos. Hai o compromiso de emprender a de Sta. Leocadia e a de Taboadela (recordamos aquí que a de Taboadela débese a unha iniciativa nosa de hai dous plenos, e cómpre recordar tamén que as iniciativas que levamos aos plenos todas foron aprobadas por unanimidade, quitada a de reprobación do alcalde polo trato de favor a Laura Seara que foi rexeitada nalgunhas partes). 


Cales van ser as actuacións no futuro e cara onde camiñamos? 

Nós botamos en falta un proxecto conxunto de Concello. Pensamos que hai que emprender políticas moito máis dinamizadoras con medidas concretas para acadar os obxectivos que sempre levamos nos nosos programas electorais: propiciar a atracción de novos veciños para o concello e crear cohesión social entre eles. Para iso o concello ten que actuar como axente dinamizador: creando entornos atractivos tanto dende o punto de vista do medio ambiente (conservación, xestión de residuos, limpeza, eficiencia enerxética…) como o das rehabilitacións (propoñemos un programa de rehabilitación dos núcleos e medidas concretas para xestionar os proxectos de rehabilitacións) ou políticas para fixar poboación nova (axudas a xente moza para o acceso á vivenda, ou para a escolarización dos nenos e nenas,etc) 

Consideramos que é urxente un plan de reparación das pistas e camiños de titularidade municipal, algunhas afectadas polas obras do AVE como é sabido, pero outras non, que necesitan mantemento e reparacións. Temos cartos e cómpre considerar estas obras nos próximos presupostos. Finalmente, urxe rematar as comunicacións por fibra óptica, que deberían estar neste mandato. 

Á creación dun hábitat atractivo hai que lle engadir o elemento social tan importante para ter un entorno completamente saudable. A primacía dos servicios sociais no referente as persoas dependentes e maiores ha estar por riba de calquera outra cuestión. As actividades dirixidas a toda a poboación teñen que ser, tamén, un eixo fundamental desa política (actividades de ocio, actividades formativas, actividades relacionadas co deporte a saúde e o benestar e actividades culturais…) Neste sentido queda moito por andar. O concello adoita sumarse a iniciativas que parten doutros, ou as apoia dalgún xeito…pero non debe ser só esa a súa actuación. Compre cambiar o rol e actuar como dinamizador, sendo el mesmo quen promova. A cultura quedou bastante esquecida e cómpre buscar un sinal de identidade no ámbito cultural. Actuacións illadas, sen unha programación ao longo do ano, ou unha semana cultural, non son suficientes. Se se quere manter unha certa identidade cultural cómpre darlles continuidade. 

Por outra banda, a actuación do concello está moitas veces dirixidas cara as subvencións do Estado ou da Deputación. Debemos aproveitar tamén as posibilidades que nos ofrece a Xunta de Galicia para levar adiante programas que nos interesen. Avecíñanse dous anos nos que o ter proxectos vai facilitar moito os investimenos dos fondos europeos. Debemos ser quen de poder achegar proxectos concretos para cada medida de investimento que se propoña. 

A proximidade dos polígonos industriais de S. Cibrao e Barreiros, posiblemente impida o desenvolvemento a curto prazo do Polígono do Val da Rabeda. O noso futuro non está tanto no desenvolvemento dese polígono industrial como na posibilidade de ofrecer un entorno único e excepcional para vivir dende o punto de vista do medio natural, social e cultural. Na medida en que o consigamos, poderemos incidir na economía local coa creación de novos servizos (hostelería, comercio,etc) ou a atracción de profesionais que poderán desenvolver o seu traballo neste entorno.


Xosé Antón Calviño Martínez
Concellorio de VETA en Taboadela

Comentarios