Un viaxe en dilixencia (Ben-Cho-Shey)


«Nistes tempos da présa, nos que a xente non para de bulir e anda decote a correr, como se foran apagar un lume, falar de como se facian os viaxes non mais alá do meio século, parecerá como se lembrar dos tempos de Mari Castaña, e, nembargantes, ainda somos dabondo os superviventes da época dos cabalos de verdade, mais lentos, pro tamén mais seguros que os H. P. ou cabalos nos que se mide a forza dos automóviles.

Ainda andamos polo mundo, e queira Dios que por moitos anos (Vd. que los cuente) algús que viaxamos mais dunha vez naquelas dilixencias de cabalos, que tiñan os seus engados.

E como nelas se sentaban os viaxeiros frente a frente, a traveso dos xionllos que, pola estreiteza do carruaxe, se tocaban cos do veciño fronteiro, a pouco de se pousar no renchido de pana dos asentos, estableciase unha corrente de simpatía que lle daba solta ás lingoas. Como, por outra parte, os viaxes duraban moitas horas, quedaba lugar pra falar de todo o divino e o humán, pra facer unhas chatolas ou pra botar un sono e ainda pra armar unha partida de brisca ou algo mais, o que me non negarendes que resulta mais divertido que ises viaxes que se fan nos departamentos de primeira dos trés, onde parez que todolos viaxeiros son nemigos e bótanse unhas olladas como si quixeran chegar ó mais fondo da concencia do veciño pra descubrir sabe Dios que segredos perigrisos, sin se dar verba uns cos outros, ou tratando de espir, cos ollos, á muller que levan enfrente.

Pois ben, eu fixen, de rapaz, varios viaxes en dilixencia. Un diles de Ourense a Verín, do que gardo saudosa lembranza de por vida. Se tendes curiosidade e un bocadiño de pacencia, contaréivolo. Mais denantes haberá que falar da saida e do seu escenario.

Os coches pra Verin saían da adeministración que había por tras da estatua de Doña Concepción Arenal (ó parecer condeada ó exilio, sin remisión, por xentes foráneas que non levan a Ourense no corazón e coidan que o Progreso consiste en reviralo todo, cando hai tanto sin facer e mais urxente) baixo da fonda do Montón e acarón da barbeiría do tio Sufa ou Móvelle a coia, que polos dous alcumes era coñecido e os dous o alporizaban por igual. Iste derradeiro puxéranllo as malas lingoas, quenes aseguraban que o tio Sufa tiña un coio pra llo meter na boca ós vellos a quen, pola perda das moas se Ile afundian as meixelas e, diste xeito, cando remataba de afeitar a un cliente, por un lado, decialle: -"Mova o coio", pra que o pasase ó outro e poder rematalo rasurado.

Era o administrador dos coches don Agustín Quintana, home de corpo miudo, de ollar vivo, dono dunhagrande simpatía, cazador impenitente e gran conversador. O coche ía ó cárrego do maioral Perico e do zagal Codón. O Perico era unha institución na liña de Ourense a Verín. Home serio, dunha gran honradeza e responsabilidade, gozaba da confianza non somentes dos viaxeiros, que o respetaban e obedecian, senón tamén de todolos homes de negocios e nais de familia, de eiqui a Verin, que lle confiaban o mesmo os cartos que os documentos mais importantes ou os fillos. Si o Perico houbese axuntado as onzas de ouro que trouxo e levou durante a sua vida de maioral houbera podido deixarlles ós seus fillos un capital de moitos millós de pesetas. Mais, si Iles non legou cartos, deixoulles, en troques, un prestixio e un nome de honradeza, de integridade e de homía de ben que valía mais que un tesouro amoedado. Vestia chaqueta de rizo, no vrau e no inverno, cinguíalle o tronco unha faixa negra de lá e tocábase cunha gorra de visera baixo da que locían unhas mouras gafas coas patas cruzándolle as brancas e longas patillas que lle daban á sua cara sonrosada e curtida polos ventos e as neves un aspecto de lobo de mar ou de venerable patriarca.

Unha hora denantes da saida chegaba a dilixencia tirada por seis briosos cabalos arrincando chispas ó batelas ferraduras contra dos coios que pisaban a praza. Arredor do coche axuntábanse unha chea de méndegos, vendedores de "agua de limón dulce", no vrau, e doutras miudezas, no inverno, maleteros, mozos que subían á baca os paquetes e os equipaxes dos viaxeiros, namentras istes se ían acomodando nos seus sitios.

Nunca faltaban curiosos, xuntos cos amigos e parentes des viaxeiros, que acodian a os despedir pra o lonxo viaxe, pois a saida era un espectáculo que tiña a sua grandeza.

Corrida a cuberta da baca e pechada a porta traseira de acceso ós asentos, rubia o Perico ó seu trono ambulante, o cocheiro facia estralar a tralla ó tempo que animaba ós cabalos i estos partían nerviosos por tras da estatua de Doña Concepción arrincándolle taiscas ós coios do empedrado pra se perder pola ponte da Burga camiño de Verín.

Daquil viaxe da miña infancia quedoume a lembranza dos viaxeiros que mais me chamaron a atención. Un diles era un alabardeiro da Real Guardia, que viña de Madrid pra ir tomalas augas de Verin. Feriu a mila maxinación infantil aquela perilla ou mosca que lle adornaba o queixo e que eu vía por vez primeira. O outro era un fermoso loro, que levaba con grande agarimo unha señora xa entrada en anos, metido na sua xaula de folladelata e que, no intre de arrincala dilixencia, asustado polo estrondo que metian os cabalos e as llantas das grandes rodas ó bater contra do encoiado da araza, rompeu a cantar, ca voz gangosa distes paxaros: "Corazón Santo, -Tu reinarás..." o raio do paxaro tiña corda dabondo e, namentras durou a luz da serán, non parou de amostralo seu longo repertorio.

O paso polo outo do Cumial traguía as lembranzas dos atracos que, noutros tempos, fixeran as xentes de Pepa a Loba ós coches que facian viaxe a Castela.

O primeiro relevo dos cabalos parécema que se facía en Taboadela. Cando, ó cabo de tres horas de viaxe, chegamos a Allariz, estaba empardecendo o día. O pasalas noites voltas e reviravoltas da costa de Allariz, sempre habia algún viaxeiro que se lembraba daquelo de que o inxenieiro que fixera a carretera fora Don Práxedes Mateo Sagasta, quen tivera o capricho de deixar postas nela, con aquelas curvas endiañadas, as iniciaes do seu nome e dos seus apellidos, detalle que nunca poiden comprobar, mais que siguen formando parte da lenda desta estrada. Tampouco fallaba o recordo de que a carretera fora feita por cordas de presidiarios custodiados por soldados, co que se confirmaba, unha vez mais, que o mundo foi sempre igual, pois namentras unhos se creban as maus a cavar, outros trabajan "por ojo", como din os rifeños.

Había outros relevos de cabalos en Piñeira de Arcos e denantes de subila costa das Estivadas, onde, polo tempo dos días longos, empezaba a se tinguilo ceo co rosicler do abrente. E a eso das sete da mañá chegavan os viaxeires a Verin cos corpos mallados e caras de sono.

O cabo do tempo corrido e da presa que hoxe nos entrou a todos e pra todo, maravillase un ó pensar como poderon aturar tantos anos aquil trafego esgotador os homes que o levaban. Craro que tampouco é doada nin suave a tarefa dos camioneiros de hoxe cas suas xornadas de Vigo a Madrid, nin as dos astronautas viaxando metidos numha cápsula i envolveitos coma si foran momias»




Otra publicación sobre o paso da dilixencia por Taboadela: https://bit.ly/41aqm6k




Comentarios