BALDOMERO QUINTAIROS. EMIGRANTE A CUBA




Non era estraño que os galegos decidisen emigrar a Cuba. As historias de prosperidade que a Galicia chegaban facía que moitas persoas cresen que a mellor maneira de deixar atrás as penurias que aquí tiñan era embarcar cara á illa caribeña. Se ademais disto, as noticias ían confirmando que Cuba estaba a posicionarse nos mercados de azucre e café como o primeiro produtor mundial e que a súa economía pasaba por unha etapa de modernización e deficitaria de man de obra, a decisión de moitos galegos fora a de emigrar cara alí. E eso foi o que fixo un dos nosos veciños. Converteuse nun emigrante a Cuba

Un deses galegos que cara alí se dirixíu foi un veciño noso. O seu nome era Baldomero Quintairos e ofi un emigrante galego que naceu na aldea de Pousa, en Taboadela, en 1884. A principios do século XX, emigrou a Cuba en busca de mellores oportunidades económicas. Alí traballou sen descanso, como comerciante, como empresario. Entre os seus negocios atopábase “La Viña Aragonesa”, empresa situada na rúa Zanja, 45 esquina coa rua Campanario da Habana, e que tiña ao seu cuñado Mariano Lanao, de orixe aragonesa, como socio. Esta sociedade importaba e vendía viños galegos e españois: Ribeiros, Valdeorras, Valdepeñas, etc ademais de xamóns, chourizos, queixos galegos etc. Pero además de vender tamén servia comidas e ceas. A esto sumábase, na zona do Vedado, un negocio chamado “Tres Cepas” que se dedicaba tamén a importar e vender viño galego. 

Rúa Zanja, 45 esquina coa rua Campanario (La Habana)





A súa inquietude, as ganas de mellorar, o seu espírito emprendedor levouno a adquirir en 1924 a cantina de “El Progreso”, un coñecido e aristocrático balneario situado en Primeira y Baños, na zona do Vedado, lugar onde actualmente atópase o Hotel Nacional de Cuba, fronte ás augas cálidas do Golfo de México e da entrada á baía da capital. 

“A cantina deste popular balneario, foi adquirida e estará ao cargo do noso querido amigo, señor Baldomero Quintairos, a que estará espléndidamente variada en fiambres, sándwichs, xamón e embutidos galegos, doces, froitas, xeados de todas clases e refrescos, atendida por persoal idóneo e competente e a prezos equitativos” anunciaba a prensa. 




Ademais da súa actividade profesional e empresarial Baldomero Quintairos foi vicepresidente da Fundación Taboadela na Casa de Galicia de Cuba. Fundación que se creou en 1932 que buscaba manter o recordo e os costumes das xentes de Taboadela que tiveron que deixar a súa casa. Ese mesmo ano e aproveitando un dos seus regresos a Galicia, tivo lugar a voda da súa filla Avelina Quintairos Tato con Felisindo Menor Quintas, secretario municipal de Taboadela. Entre os asistentes atopábanse Barbara Tato Méndez, esposa de Baldomero, e Cristina Quintas, nai do noivo, Ubaldina Tato Mendez e o seu esposo Mariano Lanao ademais doutros familiares e amigos. A celebración tivo lugar na Capela da Pousa o 20 de xaneiro de 1932. 

Baldomero Quintairos seguiu mantendo a súa relación con Cuba e as súas viaxes dun lado ao outro do Atlantico foron habituais. Descoñezo cando regresou definitivamente. O que si sei é que tanto el como a súa esposa faleceron na súa casa de Santa Leocadia o 31 de maio de 1967 (con 83 anos) e o 27 de decembro de 1963 (con 85 anos), respectivamente, acompañados de familiares, amigos e vecinos. Ambos están enterrados nun nicho familiar no cemiterio de Santa María de Mesón de Calvos.

Síntoo non saber moito máis do señor Baldomero Quintairos Vázquez e de dona Barbara Tato Méndez que o que consta en diarios locais ou cubanos como “Vida Gallega” ou “Eco Galicia”. A miña imaxinación leva a ambos por camiños onde a dureza da vida combínase como momentos de éxito e alegría. Momentos de recordos do deixado atrás e felicidade por conseguir que a súa vida e a dos seus mellores. Pero e o que eu imaxino.

Gustaríame saber máis. Encantaríame coñecer a súa historia.





MEMBROS DA FAMILIA DE BALDOMERO QUINTAIROS

Deixo a continuación unha pequeña relación de membros da súa familia:

  • Baldomero Quintairos Vázquez 
  • Barbara Tato Méndez (esposa) 
  • José Quintairos Tato (fillo) 
  • Avelina Quintairos Tato (filla) 
  • Felisindo Menor Quintas (esposo de Avelina) 
  • Felix Jose (avogado, casado don Karol Ferandez Gomez), Maria Luisa (casada con Ramón Fernandez Sequeiros) e Carlos Menor Quintairos (netos de Baldomero) 
  • Ubaldina Tato Méndez (irmá de Bárbara) 
  • Maiano Lanao (esposo de Ubaldina) 
  • Maria Loreto (Filla de Maria Luisa e Ramón Fernandez Sequeiros) 
  • Generosa Iglesias Cid (Serventa de Baldomero e Barbara)

José e Avelina Quintairos Tato (Fillos de Baldomero Quintairos)


Comentarios