Elena Peaguda, concelleira socialista de Allariz



"Coa que está caendo, como para non crer nalgo. 
Cadaquén, no que considere que lle dea esperanza"



Desde non hai moito tempo adoita pasar por Taboadela con discreción, adoita fixarse nalgunha das nosas imaxes, nalgunha das cousas que nos pasan de cando en vez. Refírome A Elena Peaguda o única concelleira socialista do concello de Allariz despois da celebración das últimas eleccións municipais do 28M.

Hai tempo que temos un pouco esquecido esta sección e cremos que con Elena lograremos volver darlle certa vida. Antes de comezar queremos poñer en contexto a figura de desta muller que como dixemos antes é única concelleira socialista en Allariz. Despois das eleccións do 28M o seu pleno do concello alaricano repártese entre 7 concelleiros do BNG, 5 do PP e 1 do PSOE, o seu.

Nas pasadas eleccións municipais o seu partido repetiu o mesmo número de concelleiros que nas dúas anteriores convocatorias o mesmo que o BNG e o PP. Cómo explica que pasen os anos e esta situación mantéñase imperturbable?

En canto aos resultados do noso partido, só podo agradecer a confianza dos votantes para, malia ser nova na vida política municipal e pouco coñecida, concederme a oportunidade de traballar arreo por mellorar Allariz.

Antes das eleccións o seu programa pasaba por defender o ámbito rural fronte á capitalidade de municipio en ámbitos como a promoción turística, o crecemento demográfico, a mellora de servizos etc. Segundo isto, é da opinión que en Allariz a política do goberno non trata da mesma maneira a todas as localidades do municipio? Se así o pensa, cúal cre que son as razón diso?

Fundamentalmente, porque vimos observando que na política municipal de Allariz os esquencidos sempre somos os mesmos: as xentes das aldeas, que vemos como cada ano os nosos impostos se dirixen maioritaria e, en moitos casos exclusivamente, a inversión só na vila.

Somos Reserva da Biosfera e hai que ter en conta a tódolos cidadáns, porque malia todo, aínda latexa vida nas aldeas. Temos que conseguir que a vida no rural sexa interesante, a través dunhas boas infraestuturas viarias, de que as persoas que non dispoñen de vehículo propio poidan desprazarse á vila e que os equipamentos e o patrimonio estean impecables.

Allariz gaña, tanto a nivel turístico como en calidade de vida para os cidadáns, grazas a todo o que nos poden aportar as vantaxes do rural. Sempre será máis sostible e estético recuperar e conservar a arquitectura e patrimonio tradicionais que seguir a encher os espazos urbanos con edificios e vivendas máis impersonais e rodeadas de cemento, cando a capitalidade municipal está a 5 minutos e a provincial, a 15.

Sen unhas boas infraestruturas e servizos, non é doado atopar motivación para atraer potenciais novos vecinos que queiran disfrutar dun xeito de vida máis en contacto coa natureza.

Un dos aspectos máis criticados en Taboadela durante o último mandato foron os servizos sociais. Que opinión ten dos do seu concello, cre que se deberían mellorar?

Penso que os Centros Sociais deberían ter unha oferta de actividades axeitadas ao perfil dos usuarios das aldeas. Non só hai despoboamento, senón tamén moita soidade e cómpre impulsar a socialización e a estimulación cognitiva.

Allariz é sen dúbida un referente a nivel de actividades culturais, sociais, de recuperación da memoria,... Algún apuntamento, suxerencia ou crítica tanto como concelleira ou como presidenta da Asociación Cultural Via Auria.

O viaxeiro xenuíno quere coñecer non só unha vila ben recuperada e estilosa, con servizos, museos, etc senon tamén a singularidade da súa contorna. Debemos conseguir os visitantes pernocten e pasen connosco o maior tempo posible e, para iso, os camiños e viais que conectan os núcleos de poboación deben ser transitables e o patrimonio etnográfico, arquitectónico e artístico deben recuperar o seu esplendor e que todos eses elementos sexan convenientemente sinalizados e documentados in situ.

Sabemos que é veciña de Gundiás, localidade próxima a Taboadela. Como nos ve, como ve a Taboadela?

Si, efectivamente, Gundiás está no límite entre Taboadela e Allariz. Taboadela antes víamola dende a autovía, hoxe grazas á promoción do actual equipo de goberno e de iniciativas como Taboadela en facebook unha chea de xente estamos a interesarnos por ela e tratamos de participar nas actividades propostas.

Na toma de posesión de Alvaro Vila como alcalde fixo referencia á importancia da ciudadanía civil na vida dun municipio. Cal é a súa opinión?

O papel da cidadanía non debería circunscribirse estrictamente ao dereito a ser elexido ou elexir representantes no Concello. A nivel individual temos unha responsabilidade en termos de respecto ás outras persoas e ao patrimonio inmoble, forestal, etnográfico, etc. E, a nivel colectivo, as Asociacións veciñais deben canalizar as inquedanzas dos núcleos de poboación onde se asenten e comunicalas ao concello para a súa realización.

Cómpre unha participación activa tanto individual como colectiva de facerse oir, pero a cidadanía tamén tén dereito a ser respostados e informados puntualmente polo concello.

Qué imaxe cre que ten a política e os políticos na actualidade?

Ten a imaxe que queiramos que teña. Hai que traballar con honestidade, con amor polo servizo público. A cidadanía, en xeral, sabe ben se as cousas se fan por intereses persoais ou polo ben de todas as persoas en igualdade de condicións.

Que espera das próximas eleccións xerais do 23J?

Ante todo, que impere o respecto ás persoas e que se contrasten ben as fontes de información para que non nos dean unha imaxe sesgada dos logros acadados ou das expectativas de futuro.





Imos agora coas “preguntas tortas e as respostas dereitas”:


1.- Cal é a súa relación co municipio de Taboadela? Por qué nos coñece?

Grazas a páxinas como a súa en facebook e tamén á miña paixón polo sendeirismo cultural que me levou a coñecer unhas paraxes realmente interesantes.

2.- Por qué comenzou a seguir a nosa páxina de Facebook?

Sobre todo pola importancia que dan ao patrimonio etnográfico, á arquitectura tradicional e á fotografía.

3.- Vostede pensa que somos unha terra, que somos un concello que non se coñece suficientemente? Que se debería facer?

Penso que nunca se deben escatimar esforzos en promocionar e dar a coñecer todo o que se ten, poñéndoo previamente en valor, claro está.

Iniciativas como andainas populares, concursos de fotografía e festas como a Noite de Morcegos, por poñer algúns exemplos, están a facer moito por Taboadela.

4.-Que é o que máis che gusta de Allariz. E de Taboadela?
  • Allariz: as rúas empedradas da vila, o Arnoia en todo o seu percorrido e as fabulosas fragas que conforman todo o territorio.
  • Taboadela: a ilusión coa que se están a facer as cousas, a súa etnografía e espectaculares camiños baixo vexetación autóctona.

5.-Un recordo ou unha anécdota que lembre con especial cariño?
  • No persoal, sen dúbida, o nacemento do meu fillo.
  • De Taboadela, os nacentes do Barbaña que nunca imaxinei que fora unha zona tan bonita.

6.-Cóntanos algo que, seguro, moi pouca xente coñece de Allariz?

Pois, por exemplo, que noutros tempos houbo unha lagoa con casarellas no lugar de Gundiás.

7.-Considerase feminista?

Penso que a valía dunha persoa non depende do xénero, pero tamén entendo que aínda non están derrubados tódolos teitos de cristal e que moitas mulleres aínda son víctimas da incomprensión e da discriminación. É labor de toda a cidadanía, concienciarnos e aprender a respectar desde nenos, tanto na casa como nas aulas.

8.-Na política municipal ten sentido falar de ideoloxías?

Ten sentido porque ante un problema pode haber varias solucións e todas as ideoloxías legalizadas teñen cabida e merecen respecto. Pero o máis importante sempre son as persoas, o diálogo e o obxectivo de facelo o mellor posible para toda a veciñanza.

9.- Cre que nos diriximos novamente a un escenario bipartidista?

En principio, esa semella ser a tendencia.

10.-A política e un mal necesario, un ben por descubrir ou un tema para entreternos?

A política nunca debería ser un mal nin un entretemento. Dende as primeiras sociedades mínimamente organizadas do Neolítico foi necesario establecer unhas normas e uns roles para que o grupo sobrevivise.

O paso do tempo e das correntes filosóficas foron moldeando cada tendencia para que as sociedades optimizaran o seu funcionamento.

11.- É o galego a lingua que habitualmente usa?

Maioritariamente, si.

12.-Cal foi o primeiro traballo que tivo? ¿A qué se dedica agora?

Foi e segue sendo, Informática do SERGAS, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

13.-Qué é o primeiro que fai ao erguerse polas mañás?

Ducharme e almorzar torradas con mel de bosque de Gundiás, vendo algún informativo.

14.-Cómo definiría a Allariz, a Taboadela e a Galicia?
  • Allariz: un basto territorio que cómpre poñer en valor cunha capitalidade bonita e cunha boa calidade de vida.
  • Taboadela: un concello cun gran potencial paisaxístico e arquitectónico que empeza a rexordir grazas ao esforzo e a ilusión do actual goberno municipal e da veciñanza.
  • Galicia: nacionalidade histórica, cunha identidade e lingua propias que cómpre que crea nela mesma e comece a levantar cabeza.
15.-Qué afeccións ten?

Sendeirismo, lectura, teatro e música e danza tradicionais galegas.

16.-Estudou en escola pública ou privada?

Tres cursos na privada e os demais, na pública.

17.-Vive nunha cidade ou nun pobo?

Nunha preciosa aldea: Gundiás.

18.-Cando “se pérde” onde podemos atopala?

Cando me “perdo”, tento que non me atopen. Pero, en todo caso, en calquera recuncho perdido e profundo de Galicia e do resto da península.

19.-Ten algunha teima?

Si, a mellora de Allariz no seu conxunto: o mesmo a vila que a parroquia máis afastada.

20.-Algunha frase de cabeceira?

O problema non é o problema, senón o xeito de resolvelo.

21.-Comparte os labores do fogar?

Como é natural, toda a familia compartimos as tarefas.

22.-Qué lle parecen as redes sociais?. Dígame cantas utiliza e se as xestiona vostede mesma.

A nivel persoal, moi pouco e máis ben para informarme de temas que me poidan interesar. Como Via Auria son máis activa publicando actividades e imaxes do que facemos dando a coñecer o máis recóndito de Galicia e tamén promocionando actividades que entendemos interesantes doutras asociacións, entidades culturais, ecoloxistas, etc.

23.-Unha canción, unha película, una serie de TV e un libro que lle guste especialmente
  • Canción: Imagine, John Lennon
  • Película: Barry Lyndon , de Stanley Kubrick
  • Serie: Downton Abbey
  • Libro: o último que lin, Azucre, de Bibiana Candia.
24.-Cociña?. ¿Cal é a súa comida favorita?

Encántame cociñar. É difícil para min decir cal é a miña comida favorita, pero o cocido galego é o máis sublime dos cocidos que probei na vida, e probei uns cantos.

25.-Cre en Deus?

Coa que está caendo, como para non crer nalgo. Cadaquén, no que considere que lle dea esperanza.

26.-Cal cre que son os aspectos fundamentais que debemos abordar os galegos nos próximos anos?

Procurar o crecemento económico e demográfico e sentir orgullo do noso, como galegos.

27.-Unha persoa á que admire especialmente?

Sir Wiston Churchill, por ser quen de transmitir ilusión ao mundo enteiro, cando todo estaba ás escuras.

28.-Complete a frase: Os tempos pasados sempre foron...

Os tempos pasados sempre foron historia. Hai que mirar adiante tentando melloralos, aprendendo do que nos ensina a Historia.

29.-E para acabar... pódeme confirmar, para que todos o saibamos, que Taboadela é o mellor lugar do mundo?

Pois claro, para as xentes de Taboadela non pode ser doutro xeito.



Grazas por permitirnos que lle roubemos parte do seu valioso tempo e por deixarnos achegar a vostede.

Moitas grazas.



Comentarios