A TELLEIRA CELEBRA 100 ANOS
O vindeiro 28 de xuño, os veciños da Telleira celebran un encontro para conmemorar os cen anos da aldea. A súa historia está vencellada á dun galego emigrado aos Estados Unidos que retornou para “facer país” e crear, nada menos, que a propia aldea.
Isolina Santos y José María Blanco, vecinos de A Telleira ante la antigua fábrica de su abuelo.
Corría o ano 1925 e un mozo chamado José María Santos Vilachá acababa de regresar dunha emigración ás Américas. Casou, tivo sete fillos e puxo en marcha unha fábrica, serra e muíño, das que aínda hoxe se conservan as ruínas. “Comprou un xerador eléctrico para arrincar, colocou raís como os do tren para poder cortar a madeira… viña con todo moi claro”, conta José María Blanco, un dos seus netos, mentres paseamos pola aldea. El, e sobre todo a súa curmá Isolina Santos, representan a memoria viva dun lugar que naceu nun cruce de camiños. “Antes a isto chamábanlle a máquina, precisamente pola fábrica. O nome de A Telleira veu porque, polo visto, antigamente nesta zona facían tellas”, explica.
“Era un tipo moi listo”, conta con orgullo esta neta, que por casualidade naceu no ano 1950, xusto o mesmo día no que faleceu o fundador da aldea. Algún rastro da enerxía do vello Santos debe quedar aínda no lugar, pois é ela quen hoxe relata a súa historia. “Na empresa onde traballaba nos Estados Unidos querían pagarlle os estudos de enxeñería, detectaba averías que nin os máis preparados atopaban”, comenta Isolina, que trae do pasado estas e outras lembranzas ao patio no que estamos, un recuncho cedido para a ocasión pola simpática Rosiña. “Ela ensinoume a bailar”, engade a entrevistada. “Aquí tiñan unha tenda, desas de antes, nas que che vendían tanto unha punta coma unha aspirina”, comenta entre risas.
Isolina comparte fermosos recordos dun pobo relativamente novo, de casas unifamiliares con xardín, “nada que ver co que coñecemos como unha aldea ao uso”, en palabras de José María. Nel residen todo o ano uns trinta veciños, ademais dos que van e veñen, e que, para honrar a terra que pisan, puxéronse axiña de acordo. “Un veciño cede unha finca, outro porá a música, o Concello de Taboadela colabora con uns inchables para os nenos”, explican os descendentes do Santos orixinal en nome da veciñanza.
A xuntanza do día vinte e oito inclúe charanga e unha paparota onde cada comensal paga o seu menú, no que non faltará nin o polbo nin a empanada, imprescindibles nas festas galegas. A por os 200
Como en todos os lugares, hai cousas que se poden mellorar, como dispor dun parque infantil ou dun lugar á sombra onde se poidan sentar os máis maiores —que son a maioría nestes pobos—, pero a unión e o bo entendemento dos moradores son a mellor semente para que, con tempo, A Telleira chegue aos douscentos anos. “Pertencemos á parroquia de Soutomaior, e lindamos cos concellos de San Ciprián, A Merca e case case Allariz”, explica Isolina entre risos e nun diálogo a dúas voces coa súa curmá e mais o primo.
![]() |
José María Santos, fundador de A Telleira |
“As industrias daquela época eran a serra e o muíño”, recórdanos Isolina, poñendo en valor a sagacidade do fundador. “Antes, na casa todo era de madeira, os apeiros de labranza… e moíase o millo, o centeo e o trigo”, explica. Lembra que a fábrica estivo parada un tempo durante a Guerra Civil polo racionamento do gasóleo, e que sendo ela moi pequena ardeu: “días despois aínda se vían as brasas”, comenta.
Ese vigor industrial a pequena escala mantívose con posteriores propietarios das naves. “Co boom da panadaría e mesmo para moer pedra”, conta a parella sobre empresas que tamén prosperaron tras aquelas cinzas. Hoxe aínda conserva o encanto daqueles lugares abandonados que un día moveron a economía, e que conviven entre xestas que moito non aportan, pero que co seu verde pintan o escenario. Ao seu carón, unha placa dá nome á rúa; na beirarrúa de enfronte, unha cantería con éxito.
“Da nosa familia hoxe hai catro veciños; os demais construíron porque tiñan fincas ou mercáronas, pero deses eu creo que hai poucos. Antes a xente non vendía terras, vivíase das hortas”, opina Isolina. O xerme da celebración de finais de xuño xorde do encontro anual dos doce netos do Santos orixinal; con motivo dos cen anos da creación daquela fábrica, propuxéronlle aos veciños montar unha verbena. “¡E agora que quede para todos os anos!”, polo visto opinou o primeiro informado, comenta un entusiasta José María.
Algo ten este lugar que, sen ser dos máis antigos da comarca, conserva esa vontade de non desaparecer como, por desgraza, morre boa parte do rural en Galicia. En A Telleira demóstrase que a memoria dun pobo persiste no corazón, máis alá da demografía.
Autor: Miriam Blanco, La Región
Comentarios
Publicar un comentario